Piden á Xunta que concrete as súas medidas para executar a moratoria do eucalipto

(Foto: Xan Muras)

A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’ denuncia que a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva-

O Plan Forestal  Galego de 1992 establecía como limiar que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas. Segundo os últimos datos do Inventario Forestal de Especies Produtivas -realizado cada década polo ministerio-, en 2018 eran xa 300.500 hectáreas de monocultivo de eucalipto e outras 121.700 hectáreas nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. Case o dobre das previstas para 2032. E a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego algunhas fontes apuntan a que que esta especie pode ocupar xa case 600.000 hectáreas en Galiza.

A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’ enmarca o anuncio da moratoria por parte da Xunta en que se produce escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego “que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado”.

Un plan, denuncian, “que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos”.

Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de metros cúbicos de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de metros cúbicos de cortas/ano. “Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos”.

A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e  na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.