Piden a vacinación do alumnado de educación Infantil e Primaria e dos mestrados de profesorado de Secundaria

O alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I, en Compostela, accedendo ás aulas (Foto: Arxina).

Unha vez detectado polo alumnado que compañeiras da rama sanitaria en prácticas foron vacinadas, indica a Mesa Sectorial Docente

A Mesa Sectorial Docente solicita á Consellaría de Educación a inclusión na campaña de vacinación do alumnado universitario en prácticas nos centros educativos.

Así o comunica a CIG-Ensino nun comunicado, no que sinala que a Consellaría argumentou que non incluía esta demanda tendo en conta a decisión contraria de Sanidade dado que o alumnado da rama sanitaria que realizaba as prácticas nos hospitais tampouco fora vacinado.

“Incorporar nese documento a este colectivo en formación era correcto xa que a súa presenza nos centros educativos e o contacto co alumnado é claramente semellante ao que ten o profesorado o que debería levar a un trato idéntico na vacinación, mais a suposta decisión de Sanidade impedía facelo, ao primar o criterio dun suposto trato idéntico ao colectivo estudantil en formación”.

“Unha vez que temos constancia, da man do sindicato estudantil Erguer, de que alumnado da área sanitaria si foi vacinado no seu momento,  algo que tamén contrastamos con CIG-Saúde, vimos en enviar un escrito á Secretaría Xeral Técnica de Educación e á Dirección Xeral de Saúde Pública solicitando que o alumnado que realiza as súas prácticas docentes nos centros educativos sexa vacinado, e que esta vacinación se aplique tamén ao alumnado que se incorpore posteriormente ás prácticas, ao igual que se fai co profesorado de baixa ou con permisos de longa duración”.