Piden un referendo para decidir se Galiza quere cultivos enerxéticos nos seus montes

Imaxe da Plataforma pola Defensa das Fragas
A Plataforma en Defensa das Fragas do Eume alerta de que a norma promovida pola Xunta suporá ''un cambio drástico'' no rural galego, para alén de que ''só será unha ferramenta útil para xeneralizar a invasión do eucalipto''

A Plataforma en Defensa das Fragas do Eume vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para que que se celebre na Galiza un referendo consultivo sobre a Lei de Montes e os cultivos enerxéticos. Entenden que a normativa que está a día de hoxe en tramitación parlamentaria, así como o borrador da Lei dos cultivos enerxéticos forestais elevado ao Consello Forestal de Galicia prevén "un cambio drástico" no territorio galego, alén de que "só será unha ferramenta útil para xeneralizar a invasión do eucalipto".

Así, o colectivo, creado após o incendio que arrasou o Parque Natural en abril, critica que desde a Xunta de Galiza se poña riba da mesa unha norma que favorece a introdución "masiva" de cultivos de agromasa e enerxéticos nos montes do País e que "compromete de xeito irreversíbel" o futuro dos sectores agrícola e gandeiro, dando un uso forestal ás terras. Quéixanse de que o Goberno galego "faga caso omiso das denuncias", reducindo no texto a distancia de seguridade entre as masas forestais e os núcleos de poboación a 30 metros.

O modelo de agricultura ligado á produción industrial que impoñen os cultivos enerxéticos leva canda si unha maior dependencia de insumos externos --esterco, tratamentos fitosanitarios e regadío--, alimenta a mudanza climática --pola maquinaria, o combustíbel para traballar con esta, a rega ou os agrotóxicos-- e aumenta o uso de produtos agrotóxicos para o control da vexetación 'competidora', tal e como denuncia a Plataforma na carta virtual que envía á atención do presidente da Xunta para exixir a celebración do referendo, ao entender que as mudanzas que incorporatá a Lei de Montes son "de tal transcendencia" que a pertinencia desta norma é unha decisión que compete a tod@s @s galeg@s, nomeadamente as persoas cuxa forma de vida está ligada ao rural.

Apelan, xa que logo, ao artigo 92 da Constitución, que prevé a realización dun referendo xustamente para "decisións políticas de especial transcendencia", e reclaman de Núñez Feijóo que solicite no Goberno español e no Congreso a posibilidade da participación cidadá para decidir sobre a aprobación definitiva da Lei de Montes e da implantación dos cultivos enerxéticos en todo o territorio galego.