Piden a recusación da Valedora do Pobo pola súa “submisión” ao PP

SOS sanidade pública Compostela Imaxe da CIG

Organizacións integrantes de SOS Sanidade Pública de Compostela consideran que está a ser “correa de transmisión” do Partido Popular. 

Organizacións sanitarias, sociais, sindicais e políticas que conforman a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela solicitan do goberno galego a inmediata recusación da Valedora do Pobo” pola súa actitude “submisa e mesmo belixerante coas diferentes organizacións”.

O portavoz da plataforma, Xosé Dios, explicou que acordaron solicitar a recusación para que o goberno lle lembre que a súa responsabilidade é “defender á sociedade civil e non ás administracións”.

Segundo informou, no último informe presentado ante o Parlamento, recibiu 64.937 queixas en 2016. Destas o 98,3% (63.095) do total correspondíanse con competencias da Xunta e, 50.000 delas referíanse ao mal funcionamento da Sanidade Pública. Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela presentáronse 6 queixas e que outras entidades e colectivos como a Asociación de Diabéticos/as de Santiago: O Movemento Galego de Saúde Mental; a Asociación de usuarios/as de oncoloxía; a plataforma Galega de Afectados/as pola Hepatite C; o MGS; o concello de Compostela; Médicos do Mundo ou persoas particulares como Lola Outeiral, que tamén estivo presente, expuxeron as súas respectivas queixas e as respostas recibidas. Todas elas, segundo sinalaron iguais que as dadas desde a Consellaría de Sanidade.

En todos os casos, as persoas representantes destes colectivos e organizacións denunciaron a tardanza das respostas, a falta de dilixencia e a ausencia de medidas concretas contra a administración. A resposta da Valedora likitárase a reiterar a resposta xa dada pola propia Consellaría.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín que falou en representación da asociación de diabéticos/as e do Movemento Galego de Saúde Mental denunciou  que “a Valedora non exerceu a súa capacidade investigadora, e amosou unha absoluta tolerancia coa resposta da Consellaría de Sanidade, e cos tempos que a consellaría tardou en responder”.