ECOLOXISMO

Piden que Fenosa retire os muíños de cabo Vilán e repare ''un erro histórico''

A granxa de rodaballo de Stolt Sea Farm e parte do parque eólico de Cabo Vilán
A multinacional da electricidade presentou un proxecto de repotenciamento do parque eólico erguido nos 90 para mitigar o seu impacto. Desde Adega chaman a aproveitar a oportunidade para ''retirar os aeroxeradores e amortizar a potencia noutro parque'', ao estar este instalado nun espazo que agora fai parte da Rede Natura

A multinacional Fenosa vén de presentar o proxecto de repotenciamento do parque eólico de cabo Vilán, en Camariñas, un dos primeiros instalados na Galiza, a primeiros dos anos 90. Os muíños plantáronse "sobre unha paisaxe única" que pasou a formar parte da Rede Natura 2000 e que conta nas súas proximidades cunha Zepa --zona de especial protección para as aves--, constituíndo deste modo "un exemplo do caótico e insustentábel desenvolvemento eólico perpetrado no país" ao se uniren "as agresións" da piscicultura industrial e das especies invasoras.

As queixas chegan desde a asociación ecoloxista Adega. Chama a aproveitar a oportunidade que ofrece este proxecto de repotenciamento para "desmantelar o parque, restaurando un agravio histórico". O colectivo entende que, logo de 25 anos, a "solución xusta" para a empresa e para o medio ambiente é "retirar os muíños e amortizar a potencia noutro parque".

23 aeroxeradores en pleno 'boom' eólico
O parque de cabo Vilán ergueuse no 'boom' eólico dos 90, cando non existía a Rede Natura, nin a Lei da Paisaxe, nin a Lei Eólica nin instrumento algún "que introducise certas garantías ambientais" fronte a un "todo vale" para producir electricidade. Fenosa fai a achega de substituír os 23 aeroxeradores, cunha potencia conxunta de 3,9 Mw, por tres muíños e 4,2 Mw totais. Adega aplaude o repotenciamento como medida para diminuír o impacto paisaxístico e ambiental dalgúns parques, mais non deste.

No propio proxecto, redactado por Fenosa, a multinacional eléctrica advirte que, de non proceder como pide, produciríase "maior alteración de hábitats e fauna; maior afección á estrutura da paisaxe e non creación de 78 postos de traballo". A asociación ecoloxista entende estas palabras como un recoñecemento indirecto dos danos que os 23 muíños instalados causaron.

Cómpre lembrar que os parques eólicos son autorizacións indefinidas a favor da empresa adxudicataria e que por tanto só se contempla a indemnización por lucro cesante --salvo revisión da concesión en caso de impactos non previstos e "moi ben documentados", Adega conclúe sinalando que cabo Vilán só ficaría libre de aeroxeradores "pola vontade" da empresa ou por "unha decisión valente" da Xunta de Galiza, procedendo a revisar a declaración de impacto ambiental que nos 90 permitiu a Fenosa a colocación dos muíños.