Piden a modificación do Plan Forestal para adaptalo ao inventario forestal galego

Eliminación de eucaliptos residuais na CMVMC de Paraños Foto: Paraños]

Unha demanda da Alianza Rural galega, que integran Adega, CIG, Fruga e Organización galega de comunidade de montes.

As entidades que integran a Alianza Rural Galega (Adega, CIG, Fruga e Organización galega de comunidade de montes) mostran a través dun comunicado a súa “sorpresa” polo anuncio de Núñez Feixoo que no primeiro semestre de 2021vai aprobarse o Plan Forestal da Galiza, “3 anos despois de anuncialo e ano e medio despois de sometelo a exposición pública”.

“Preténdese aprobar agora de forma apresurada e sen debate social un documento que desde xuño de 2018 ficou metido nun caixón e sobre o que non se volveu falar nin en sede parlamentaria nin desde o goberno executivo, ficando paralizado sen razón aparente”, indican.

Ante tal situación, a Alianza Rural Galega pregúntase se o Plan forestal que agora pretende aprobar o actual Goberno e que este tilda de “estratéxico para o futuro do monte galego” é o mesmo que someteu a exposición pública en xuño de 2018, ou ben se se trata dunha nova revisión ou dun documento ex-novo e diferente ao xa coñecido.

En todo caso, a Alianza Rural Galega considera que a versión de revisión do Plano Forestal xa coñecida e sometida a exposición pública xa naceu viciada e fica invalidada, principalmente, “por non proxectar os seus obxectivos e medidas a partir de datos certeiros sobre o estado actual, de distribución e composición dos diferentes tipos de formacións arbóreas na xeografía galega”.

 Tal e como alegaron máis de 70 organizacións e colectivos, lembra a Alianza, ”a proposta de modificación do Plano Forestal de 2018 baséase en datos  absolutamente ficticios e desfasados sobre a situación da superficie forestal de Galiza, ao tomar como referencia os datos recollidos no IFN4 (Cuarto Inventario Forestal Nacional) que data de 2009, é dicir, de hai 11 anos”.

Porén, conforme a Lei 7/2012 de montes de Galiza, o plan forestal galego, como instrumento básico para o deseño e execución da política forestal galega, “debe elaborarse a partir da diagnose dos espazos e recursos forestais derivada da análise do Inventario Forestal de Galiza e doutros estudos ou análises que se consideren necesarios”.

Isto implica, afirman estes colectivos, que mentres non haxa un Inventario Forestal Galego non se poderá aprobar a revisión do Plano forestal de Galiza.

Neste senso, “o pasado mes de xuño a Xunta e as universidades de Vigo e de Santiago de Compostela asinaban un acordo para elaborar o futuro inventario forestal galego, un instrumento que resulta chave á hora de identificar as deficiencias da situación forestal de Galiza e para poder asentar o futuro ordenamento do monte sobre datos que obedezan á situación real de ocupación das diferentes especies forestais”.