Piden que se investigue se unha plantación de eucaliptos danou un castro na Pontenova

Castro do Patelo. Imaxe de Mariña Patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio sospeitan que a actuación danou o ben patrimonial catalogado pola Xunta e situado en Santo Estevo de Rececende.  Piden á administración galega que investigue se houbo danos.

Mariña Patrimonio e Adega denunciaron ante o Servizo de Patrimonio unha plantación de eucaliptos en Santo Estevo de Rececende, concello de A Pontenova, por considerar que puido ter causado importantes danos a un ben patrimonial, un castro catalogado pola Xunta. Ambas as dúas asociacións cren que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e as remocións de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron afectar este ben.

 

Ademais, “o castro de O Patelo estaba cuberto por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal, por unha plantación de eucaliptos”, indican nun comunicado.

 

Afirman tamén que de 13 dos 23 xacementos  arqueolóxicos que a Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as coordenadas, “polo tanto non están localizados pola administración o que implica a súa desprotección. Esta ausencia de coordenadas é unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que cómpre atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto”.