Piden a expropiación do conxunto histórico Mosteiro de Oia

oia

Declarado Ben de Interese Cultural, atópase agora nun dos seus peores momentos tras o derrubamento dunha parte do tellado, denuncian desde a plataforma SOS Mosteiro

SOS Mosteiro vén de denunciar “a lamentábel situación” na que se atopa o Mosteiro de Oia, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1931 e que, afirman, “está nunha situación total de abandono” por parte dos seus propietarios. A plataforma estuda presentar unha moción no pleno do concello e alega unha situación de “ilegalidade” ao tempo que esixe a súa expropiación, así como a posta en marcha dun plan de rehabilitación que free o seu deterioro.

 

O proxecto de rehabilitación, que leva parado 17 anos, foi obxecto de especulación en máis dunha ocasión, denuncia SOS Mosteiro. No ano 2000 o Banco Pastor adquiría a abadía por medio dunha SA co fin de construír un hotel de luxo, proxecto que nunca se chegou a levar a cabo. A propiedade, que xa ten mudado varias veces, atópase desde 2004 en mans de Kaleido Ideas & Logistics, segundo lembra a plataforma.

 

Un ano despois de adquirilo, a empresa crea o proxecto Residencial Monasterio de Oia, “nun intento de diversificarse”. “Esta empresa tamén ten o proxecto Cabo Estai en Vigo, paralizado por cuestións ambientais. Xa teñen bagaxe nestes temas”, explica un dos integrantes da plataforma.

 

No ano 2011, o Concello de Oia recibía por parte dos propietarios do mosteiro unha proposta de convenio para a edificación de 173 vivendas na zona da abadía, a cambio da rehabilitación e recuperación do templo. A oferta económica, que alcanzaba a cifra de 111.236 de euros, pedía tamén o permiso para a construción dun hotel spa de catro estrelas.

 

A fondo perdido

 

Ademais, o propietario recibía por parte da Xunta unha subvención a fondo perdido de 3 millóns de euros para labores de rehabilitación e posta en valor do conxunto histórico, sempre segundo o colectivo. “Esta subvención non estaba en ningún momento supeditada a realización da urbanización. “Foi un auténtico pelotazo urbanístico por parte dos propietarios”, explican desde a plataforma SOS Mosteiro.

 

“O proxecto non contou nunca con permisos de medio ambiente e patrimonio, ademais de ser unha agresión á paisaxe, á veciñanza e aos recursos naturais da zona”, afirman. “Aínda que o principal problema é o da traída da auga, a zona non conta cunhas condicións básicas de depuración ou saneamento para poder manter un hotel”.

 

Ademais, engaden, “co cambio da lei do solo, o plan mudou. Había que comezar de cero. Isto, burocraticamente, son arredor de cinco anos entre estudos, acordos, reclamacións etc.”, explica un dos membros da plataforma SOS Mosteiro. “O concello e Oia fixo un investimento de 400.000 euros para sacar adiante o Plan Xeral de Ordeación Municipal, que agora non vale para nada”.

 

“Non queremos máis parches nin que se solucione o proxecto. Esiximos unha rehabilitación integral e fondos públicos para facelo”

“Non queremos máis parches nin que se solucione o proxecto. Esiximos unha rehabilitación integral e fondos públicos para facelo”. A plataforma indiva que o propietario do mosteiro, “ameaza agora con demandar ao concello por ter perdido estas subvencións”. “Non importa o máis mínimo o estado do mosteiro, nin ao propietario, nin ao concello, nin á Xunta”, reclaman.

 

“A alcaldía de Oia estivo maioritariamente gobernada polo PP, que ten moi boa relación co propietario do mosteiro, polo que non fixeron nada para parar esta situación”, sinala unha veciña da zona. “Hai unha deixadez total por parte do concello. Alegan descoñecer a situación do mosteiro, cando o despacho da alcaldesa está xusto en fronte”, quéixanse. “Por parte da Xunta, máis do mesmo”.

 

Deterioro

 

Lamentan que “ata hai pouco, facíanse visitas organizadas por unha asociación que se chama Amigos do Mosteiro. Deixáronse de facer porque supón un risco que vaian visitantes. Está tan deteriorado que en calquera momento pódese vir abaixo”. A situación xeográfica do mosteiro tampouco axuda: “Ao estar tan pegado ó mar, sopra moito o vento. Despois do último temporal hai aínda máis desperfectos”, explican.

 

A organización SOS Mosteiro ten escrita unha moción que se presentará proximamente no pleno do concello. Na moción, a plataforma esixirá ao concello “que a alcaldesa actúe”. “Estamos ante un Ben de Interese Cultural e os propietarios non fan nada para mantelo.

 

A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (Lei 5/2016, 4 de maio) recolle que no caso de que un ben destas características non se poda manter polos seus propietarios, deberá ser cedido ás administracións públicas para evitar o seu deterioro”. “Parece que se está esperando que o mosteiro se veña abaixo para derruílo e facer enriba del o que lles pete”, conta unha das integrantes de SOS Mosteiro. Desde a plataforma, “esiximos a expropiación e rehabilitación do mosteiro”.