A XUNTA DE PERSOAL DO CHUAC LEVA O COLAPSO á FISCALíA

A oposición pide a demisión de Mosquera pola situación "indecente" e "inhumana" das Urxencias

Xunta de Persoal da EOXI Coruña [CIG]

BNG, AGE e PSdeG exixen o cesamento da responsábel de Sanidade e denuncian que o colapso do servizo responde ao "recorte de persoal" e o "fechamento de camas". 

 

Esta quinta feira (15 de xaneiro) o BNG e AGE sumáronse á petición de cesamento da conselleira de Sanidade que xa realizara o PSdeG na terza feira. As forzas da oposición coidan "lamentábel" a situación que atinxe nos últimos días os servizos de Urxencias das cidades galegas e que se atopan colapsadas por mor dunha maior afluencia de doentes. 

No mesmo día en que a Xunta de Persoal da EOXI da Coruña presentou un escrito perante a Fiscalía para instala a investigar o que está a acontece no CHUAC, Montse Prado (BNG) e Eva Solla (AGE) denunciaron as "tremendas" condicións en que se atopan @s profesionais da saúde pública que atribuíron á "nefasta" xestión de Mosquera á fronte da Consellaría. 

Menos camas e persoal 

Para ambas as dúas forzas políticas, o colapso das Urxencias é o resultado da política que está a desenvolver o goberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta polo que tildan de "esperpéntico", en palabras de Montse Prado, que o mandatario galego teña pedido desculpas nos últimos días. Asemade, denuncian o fechamento de centos de camas nos hospitais e a destrución de milleiros de postos de traballo logo dunha taxa de reposición fixada no 10%. 

Neste senso, reclamaron ao goberno galego que adopte as medidas necesarias para reverter a "alarma xeralizada" nas Urxencias abrindo camas e plantas, recuperando as dimensións dos cadros de persoal e eliminando a actual taxa de reposición para que se cubran todos os postos necesarios. 

Asemade, desde o BNG, Prado exixiu a aprobación dun "protocolo" para facer fronte aos "picos asistenciais" propios deste período do ano, pois a deputada considera "incríbel" que aínda non exista. 

Denuncia na Fiscalía 

Pola súa banda, a Xunta de Persoal do CHUAC formalizou perante a Fiscalía as súas denuncias en relación á "masificación inasumíbel" de doentes no hospital. Unha realidade que atribúen á "estrutura inacaída" da nova área de Urxencias e ao "déficit de persoal", explicou a súa voceira, María Seijo. 

"Como imos garantir a intimidade [d@s doentes] se temos que facer os coidados básicos á vista, non só doutros pacientes senón tamén de persoas alleas", criticou após subliñar que a situación que atinxe o hospital coruñés podería ser constitutiva de delito. "Queremos que a Fiscalía investigue e que comprobe o que dicimos".