Piden que se declare BIC o centro xeográfico da Galiza

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns no centro xeográfico da Galiza.
O Instituto de Estudos Ulloáns entregou na Xunta a solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural.

O verdadeiro centro da Galiza está na aldea de Nugallás. Un informe elaborado con criterios científicos de medición xeográfica resolveu a finais de 2019 que o punto cartográfico exacto do centro da Galiza está na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas do Ulla. Un experto do Instituto Xeográfico Nacional atopou esta localización grazas á petición do Instituto de Estudos Ulloáns.

Agora, o Instituto solicitou na Xunta que este punto sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC). e solicitou ao mesmo tempo ao Concello de Antas de Ulla e na Deputación de Lugo a súa intervención neste enclave.

O Instituto de Estudos Ulloáns levou a cabo as xestións  necesarias para rematar coas dúbidas e que se determinase científica e definitivamente a localización exacta do centro xeográfico da Galiza. Para isto, a entidade recorreu ao Instituto Xeográfico Nacional (IXN), unha institución dependente do Ministerio de Fomento, a máxima autoridade estatal na materia.

Esta entidade cultural que desenvolve a súa actividade na comarca da Ulloa logrou que o IXN, que xa fixera outras medicións hai anos, o mesmo que os xeógrafos da USC, emitise un informe oficial asinado por Pablo Carballo Cruz, director do servizo rexional, detallando a localización exacta do centro xeográfico do país dando definitivamente as súas coordenadas xeográficas: 7º54'38,99''W  42º45'25,15''N.  

"O punto exacto definido polo IXN está situado nunha parcela particular nunha zona de gran valor natural e paisaxístico", sostivo o presidente da entidade galega, Francisco Pardo.