Piden ao Ministerio oficializar a exclusión de Altri da conexión á rede eléctrica

Juan Pedro Sánchez e Ana Otero, representantes de Ulloa Viva. (Foto: Nós Diario)
Ulloa Viva prevé que a protesta desde domingo en Santiago de Compostela encha a praza do Obradoiro.

O 16 de decembro remata o prazo de audiencia pública e alegacións no Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) á proposta de planificación eléctrica 2025-2030, que anunciaba en setembro que a demanda eléctrica presentada pola Xunta da Galiza dunha conexión para a celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) quedaba fóra do novo plan do Goberno español. O Executivo galego e Altri denunciaron nese momento "motivos políticos" para a exclusión da celulosa da conexión eléctrica á rede, e aseguraron que presentarían alegacións contra a planificación do Miteco.

Segundo puido saber Nós Diario, diversos colectivos en contra de Altri presentarán alegacións no Miteco para fechar definitivamente a porta á conexión eléctrica de Altri na planificación do Estado español para os vindeiros cinco anos. Estes colectivos pretenden facer "firme" o anuncio do Miteco sobre a exclusión de Altri da planificación e demandarán do Goberno español que non admita as alegacións anunciadas pola Xunta e Altri para a conexión á rede e a construción dunha subestación eléctrica.

Altri incluíu estas necesidades enerxéticas no seu estudo de impacto ambiental e a pesar de que este aspecto quedou fóra na declaración de impacto ambiental positiva da Xunta en marzo, o Goberno de Alfonso Rueda propuxo ao Miteco en xaneiro e marzo de 2024 a súa inclusión na rede eléctrica.

En concreto, Altri demanda a conexión da planta de Palas de Rei á rede de Alta Tensión de 220 kv Belesar-Mesón do Vento así como una subestación eléctrica asociada. Este xornal preguntou onte á Consellaría de Economía e a Altri polas súas alegacións ante a proximidade do fin do prazo, xa que ambas anunciaron publicamente os seus recursos. Porén, ao feche desta información non houbo resposta da Consellaría de María Jesús Lourenzá, e Altri respondeu a este medio: "Non imos facer declaracións".

"Manifestación decisiva"

Neste escenario, este domingo decorrerá en Compostela unha nova mobilización contra Altri, demandando o "carpetazo definitivo" ao proxecto por parte da Xunta da Galiza. A voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, avanzou a este xornal que o obxectivo das entidades convocantes é "que a Xunta feche definitivamente o proxecto, e se non poden cumprir, que dimitan". O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, chamou a "seguir facendo presión" para "rematar coa ameaza de Altri e da mina de cobre de Touro e O Pino".