Piden que se amplíe o parque natural Monte Aloia para integrar nel a Serra do Galiñeiro

A biodiversidade e xeodiversidade dese entorno é un patrimonio natural que debe ser conservado, argumentan desde a  Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro.

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro presentou á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a través de Adega, alegacións ao Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia para solicitar a inclusión da serra do Galiñeiro dentro da figura dese parque natural. “Demandamos a ampliación dos límites do parque natural Monte Aloia co fin de incluír dentro desta figura de protección á Serra do Galiñeiro”

 

Lembran que a serra do Galiñeiro caracterízase por presentar numerosos valores naturais. “É salientable así o seu rico patrimonio xeolóxico e xeomorfolóxico, que fan da serra un referente paisaxístico no relevo do sur de Galiza, estando incluída esta como área de Especial Interese Paisaxístico no Catálogo das Paisaxes de Galiza”.
 

Posúe, aliás, gran variedade de hábitats, como breixeiras húmidas, brañas, turbeiras ou matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos. Na serra hai unha fauna de escasa representación en Galiza, coma a azulenta papuda, ou endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica) ou a ra patilonga, ou ben avifauna migratoria como o picanzo real ou o pedreiro cincento.

 

A presenza de petróglifos como o de “Auga da Laxe” de características únicas no continente europeo, e das mámoas como as dos Bromús e as do monte das Moutas; tamén son elementos que para esta plataforma merecen ser protexidos e conservados. 
 

A presas, as levadas, os muíños de auga ou os abrigueiros para pastoreo comunal e ouros exemplos de arquitectura popular existentes na serra reforzan esa necesidade de que estea nun parque natural. “Nos cumios localízase a fortaleza altomedieval do Galiñeiro, constituíndo unha das mellores representacións dos denominados “castella tutoria”, unha tipoloxía de fortificacións medievais pouco coñecidas aínda na Galiza”.