Piden a retirada das nasas ao remate da xornada pesqueira para frear a morte accidental de especies mariñas

Ecoloxistas explican que ao reducir o tempo que permanecen as nasas somerxidas no mar tamén se reducen os posíbeis impactos ambientais que poidan producir no medio mariño

A Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños --Cemma-- vén de propor que as nasas destinadas á captura de polbo, nécora, choco e outras especies ao finalizar a xornada de faena xeran retiradas, co obxectivo de reducir o esforzo pesqueiro. Nun comunicado conxunto asinado pola Sociedade galega de historia natural, Adega, Federación ecoloxista galega e PDR-Cies en que apoian a petición da Cemma, explican ao reducir o tempo que permanecen as nasas somerxidas no mar tamén se reducen os posíbeis impactos ambientais que poidan producir no medio mariño, en especial a captura accidental de grandes vertebrados mariños "vulnerábeis á interacción con obxectos estáticos".

Así as cousas, o informe publicado pola Cemma, Impacto da pesca con nasa: avaliación e propostas de mellora, recolle a información que posúe esta entidade após 20 anos de traballo sobre a conservación e divulgación das tartarugas e mamíferos mariños nas augas de Galiza. Inclúense no documento datos relativos á mortandade por captura accidental das nasas das seguintes especies: tartaruga de coiro --13 capturas e o 61% delas vivas--, quenlla peregrina, balea xibarte, balea alibranca, arroaz boto, golfiños e lontras.

Catro destas especies están incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e do catálogo español de especies ameazadas: a balea xibarte e a balea alibranca na categoría de Vulnerable, e a tartaruga de coiro e o momo sen categoría de ameaza, aínda que consideradas en perigo crítico e como vulnerable, respectivamente, a nivel mundial. Ollando cara este informe, sosteñen os colectivos antes citados que cómpre retirar as nasas ao remate da xornada pesqueira, pois os cabos son susceptíbeis de se enganchar nos corpos deses animais e poden causarlles a morte por esfixia ou afogamento. Así mesmo, consideran "imprescindíbel" a posta en marcha de programas de seguimento da pesqueira da nasa, a fin de regulala, de ser necesario, para reducir os impactos negativos sobre o ecosistema e as especies mariñas.