Piden 33 anos de cárcere para un coruñés por maltratar, violar e ameazar unha muller coa que convivía

Sede da Audiencia Provincial da Coruña.

A Fiscalía pide que se lle prohiba achegar ou comunicarse coa vítima durante 45 anos

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá a vindeira quinta feira, 15 de febreiro, o xuízo contra un home acusado de maltratar de forma continuada, violar e ameazar a muller coa que convivía na cidade herculina. A Fiscalía pide para el penas que suman 33 anos de cárcere.

Os feitos producíronse no domicilio no que ambos convivían desde finais de 2022 e até mediados de abril de 2023. O Ministerio Público solicitou que o xuízo decorra a porta fechada para preservar a intimidade da vítima.

O fiscal, no seu escrito de acusación, atribúe ao home cinco delitos de malos tratos, dous delitos de violación, un delito de ameazas continuadas, un delito de coaccións e un delito de malos tratos habituais, con penas que suman 33 anos de cárcere.

En concreto, reclama que se lle impoña un ano de cárcere por cada un dos delitos de malos tratos, 10 anos por cada delito de violación, dous anos por ameazas continuadas, tres anos de prisión por coaccións e 3 anos por delito continuado de malos tratos habituais. Así mesmo, solicita que se lle prohiba que achegarse ou comunicarse coa vítima durante 45 anos.

A Fiscalía, que ten en conta a agravante de parentesco, tamén reclama que sexa inhabilitado para exercer a patria potestade por 10 anos, para portar armas de fogo e para exercer traballos que teñan contacto con menores.