Xustiza

Piden 15 anos para cada un dos dous acusados de violar unha moza en Vigo

Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Rodrigo Paz)
A Fiscalía demanda tamén outros 10 anos de liberdade vixiada, así como a prohibición de manter contacto coa vítima durante 25 anos e unha indemnización de 15.000 euros por cada un dos dous delitos de agresión sexual.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá a vindeira cuarta feira, día 14, o xuízo contra dous homes acusados de violar unha moza que coñeceran nunha discoteca da cidade olívica e que se atopaba afectada polo consumo de alcol.

Segundo recolle o escrito da Fiscalía, que pide para cada un dos acusados, que no momento dos feitos tiñan 33 e 19 anos —respectivamente—, 15 anos de prisión, a agresión remóntase a decembro de 2021, cando ambos os dous coñeceron nunha discoteca de Vigo a esta moza, que quedou "descolgada" do seu grupo de amigos.

Tras estabelecer conversa con ela, e aproveitando que "se atopaba coas súas facultades mentais moi limitadas polo alcol e as drogas consumidas", apunta o fiscal, convencérona para "ir tomar algo" ao seu domicilio.

Unha vez alí, un dos acusados introduciuna na súa habitación e, tras sometela a tocamentos, agrediu sexualmente a moza a pesar das reiteradas negativas da vítima. Seguidamente, o outro procesado tamén participou na violación. Finalmente, un dos acusados deixouna na parada de taxi, onde ela colleu un vehículo para voltar ao seu domicilio.

O Ministerio Público considera os feitos constitutivos de dous delitos de agresión sexual, polo que pide para cada un dos acusados 15 anos de prisión e mais outros 10 anos de liberdade vixiada, así como que non poidan manter contacto coa vítima durante 25 anos. Tamén reclama para ela unha indemnización de 15.000 euros por cada delito.