Piden 12.000 euros de multa a un activista ferrolán por un incidente na greve xeral de 2012

Francisco M. R está acusado dun delito de danos a raíz de querer evitar que un vehículo “a moita velocidade” tentase atravesar unha manifestación. No suceso foi atropelada unha delagada da CIG.

Francisco M.R., traballador do mar, activista sindical, ía ser xulgado esta segunda feira  por un suceso que decorreu hai catro anos, na greve xeral de marzo de 2012, e polo que o ministerio fiscal lle pide máis de 12.000 euros de multa. A última hora o xuízo foi adiado, mais ás portas do xulgado decorreu unha concentración de solidariedade para con este mozo ferrolán, militante independentista, concentración que contou co apoio de sindicatos como CIG e CNT, para alén de diferentes colectivos da comarca e de persoas que asistiron a título individual. “Solidariedade Obreira” e “Xulgan sindicalistas, medran escravistas” foron algúns dos lemas que se podían ler nas faixas despregadas no acto.

Os feitos polos que se xulga a Francisco M.R. tiveron lugar durante a mobilización convocada pola CIG no marco daquela greve xeral, lembra el propio en conversa con Sermos Galiza. Nun momento da marcha, na que tomaban parte centos de persoas, un coche [“conducido por un fascista”, di] subiu á beira-rúa e intentou pasar acelerando polo medio da manifestación. Unha perigosa manobra “na que arrollou unha rapaza”. “Él quería colarse e subiu pola beirarrúa, xa que tiña outro coche diante. Nós tentamos que parara mais non nos fixo caso. Tiven tempo de afastar o meu fillo e a miña nai, que estaban canda min, e púxenme no medio para paralo. Non freou, o que fixo foi acelerar e pasoume a roda por riba da perna, dúas veces. Foi terríbel”, comentou esta muller naquela xornada en declaracións recollidas por varios emdios de comunicación.

Penas

Varios manifestantes, lembra Francisco, intentan entón parar o carro e sacar as chaves do condutor. Consígueno e nese momento, continúa a versión, chega a policia, que se fai cargo da situación. A manifestación prosegue o seu percorrido con normalidade. “A min ninguén se me achegou para pedirme a documentación ou que me identificase. Nada”, sostén Francisco, que relata a súa sorpresa cando dous anos despois recebe unha citación do xulgado no que se lle acusa dun delito de danos en relación a eses feitos. “12.000 euros por dúas pancadas a un carro que case nos atropella e a piques estivo de matar a alguén”, resume.  A petición do Ministerio Fiscal é dunha multa de quince meses de duración a razón de sete euros diarios.

Acordo

A finais de 2015 ía ter lugar o xuízo por estes feitos. O seu avogado propúxolle chegar a un pacto co que pagaría só 900 euros de multa e 800 euros de danos. “Negueime, négome a pagar un peso a quen intentou atropelar xente nunha manifestación”. A decisión de non aceptar o trato foi apoiada, afirma, polo sindicato. 

O condutor do vehículo estaba acusado dun delito de lesións por imprudencia grave polo que o fiscal solicitaba no seu momento unha condena de seis meses de prisión e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por dous anos.