Piden 10 anos de prisión para catro persoas acusadas de secuestrar un home en Ponteareas

Audiencia de Pontevedra (Foto: Renarpp).
Segundo o escrito de Fiscalía, a vítima, propietaria do inmóbel, accedeu a el o 10 de agosto de 2019 e observou que estaba revolto. Tras iso dirixiuse á zona da cociña e foi cando dous dos procesados se lanzaron sobre el, tombárono no chan boca abaixo e atárono de mans e pés.

A sección segunda da Audiencia de Pontevedra acollerá esta terza feira, día 23, o xuízo contra catro persoas acusadas de secuestrar un home en 2019 nunha nave industrial de Ponteareas (O Condado), polo que se enfrontan a penas de, polo menos, 10 anos de prisión.

Segundo o escrito de Fiscalía, a vítima, propietaria do inmóbel, accedeu a el o 10 de agosto de 2019 e observou que estaba revolto. Tras iso dirixiuse á zona da cociña e foi cando dous dos procesados se lanzaron sobre el, tombárono no chan boca abaixo e atárono de mans e pés.

A continuación, colocáronlle unha funda de almofada cubríndolle a cabeza mentres o golpeaban. Despois, colocáronlle unha soga ao redor do pescozo e tiráronlle dela, mentres lle colocaban os pés sobre as costas. Todo iso á vez que lle exixían que lles entregase o diñeiro e a mercadoría -referíndose á cocaína- que tiña consigo e que se non o facía acabaría coa súa vida. Ao mesmo tempo, os procesados entraban e saían da nave e falaban con outro dos acusados.

Finalmente, o home aproveitou que os dous presuntos secuestradores estaban fóra da nave e escapou pola parte traseira até que chegou a unha zona onde puido pedir axuda e chamar á Garda Civil.

Obxectos roubados

Os dous presuntos secuestradores apoderáronse de diversos obxectos que a vítima gardaba na nave como un computador portátil, un estoxo coa súa cámara de fotos e un puñal de monte que despois apareceron perto da nave. Con todo, non recuperou o seu móbil, varias chaves, roupa e dúas navallas.

Antes de producirse o secuestro os outros dous procesados compareceron na nave e manifestáronlle a súa intención de comprarlle cocaína. Aparte do delito de secuestro, contra os procesados recae un delito leve de lesións cunha pena dun mes cunha cota diaria que, en caso de incumprimento, se substituiría por un día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non cumpridas.

De forma conxunta e solidaria, os acusados, indemnizarán a vítima a cantidade de 1.100 euros, os efectos subtraídos e non recuperados e ao Sergas a cantidade de 268,34 euros con aplicación de intereses. O xuízo xa foi fixado en outubro de 2023, pero tivo que ser suspendido ao renunciar un dos acusados á súa defensa.