A PGDEP chama á insubmisión das familias contra as reválidas

[Imaxe PGDEP]

Convoca unha concentración perante Educación o 27 de maio coincidindo co inicio das probas avaliativas en 3º de Primaria.

 

A Plataforma galega en defensa do ensino público (PGDEP) valorou esta terza feira (5 de maio) as probas avaliativas e reválidas que se comezarán a aplicar este curso após a entrada en vigor da LOMCE. 

Desde o colectivo, que abrangue entre outras a organizacións sindicais, ANPAs e organizacións estudantís tildaron de "aberración" pedagóxica estes controis do alumnado. Neste senso, coincidindo co inicio das probas entre o estudantado de 3º de Primaria (8 anos) os vindeiros 27 e 28 de maio convocan unha concentración perante a Consellaría de Educación e lanzan un chamamento ás familias para que "rexeiten" as probas. 

Así, animan a nais e pais a non levar as crianzas eses días á escola ou a entregar un escrito perante a dirección do centro no que manifesten "o seu rexeitamento" ás probas. 

“Non hai ningunha razón que xustifique que un neno de 8 anos teña que pasar a presión dunha proba sobre materia que non coñece e que non vai servir absolutamente para nada, que non achega nada e que non lle serve a ninguén”, sinalou Fernando Lacacci, da Federación de ANPAS galegas en comparecencia de imprensa. 

“Non hai ningunha razón que xustifique que un neno de 8 anos teña que pasar a presión dunha proba sobre materia que non coñece e que non vai servir absolutamente para nada"

Avaliar sen ter en conta as circunstancias persoais e socioeconómicas

Desde a Plataforma insisten en que "avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e ter en conta as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado" é un erro. Aliás, apuntan, a proba prevista polo Ministerio " limítase a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico, musical e físico e refusando o ensino da nosa historia e medio natural imprescindíbeis para a formación integral do alumnado". 

Doutra banda, coidan que con estes procedementos de avaliación se "despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente" para "coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar". 

A Plataforma galega en defensa do ensino público amosou tamén a súa preocupación porque estas medidas respondan á "pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta" á fin de "ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos". 

Neste senso, o portavoz da Plataforma e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembrou o rexeitamento masimo á LOMCE "“consciente de que estabamos ante unha lei nociva para o ensino público e galego" por promover "a privatización e a mercantilización da educación, desterrar a igualdade de oportunidades, eliminar a xestión democrática dos centros, reforzar a confesionalidade, promover a segregación do alumnado e reincorporar as reválidas do franquismo".