Pfizer avanza que podería ter lista en marzo unha vacina “adaptada” a ómicron

Lote de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).

A empresa di que é unha petición dalgúns países que "queren que estea lista canto antes".

O  CEO de Pfizer, Albert  Bourla, afirmou esta segunda feira que a súa empresa podería ter lista en marzo unha vacina contra a Covid-19 adaptada á variante ómicron, unha vez que xa comezou a fabricar as doses.

"Esta vacina estará lista en marzo. Xa estamos a empezar a fabricar algunhas destas unidades", anunciou  Bourla en declaracións á televisión estadounidense  CNBC.

O máximo dirixente de  Pfizer detallou que esta futura vacina, que tamén se dirixiría ás outras variantes do virus que están a circular, é unha petición dalgúns países que "queren que estea lista canto antes".

Bourla recoñeceu que non está claro se será necesaria unha cuarta dose, mais anunciou que  Pfizer realizará experimentos para determinar se é necesaria

"A esperanza é que consigamos algo que ofreza unha protección moito mellor, sobre todo contra as infeccións, porque a protección contra as hospitalizacións e a enfermidade grave é razoábel agora mesmo, coas vacinas actuais, sempre que se aplique a terceira dose", resaltou.

Bourla recoñeceu que non está claro se será necesaria unha cuarta dose, mais anunciou que  Pfizer realizará experimentos para determinar se é necesaria.

Pola súa banda, o director xeral de Moderna,  Stéphane  Bancel, tamén lembrou que a súa compañía está a traballar nunha dose de reforzo que podería chegar no outono e que entrará pronto en ensaios clínicos.

"Estamos a discutir con líderes de saúde pública de todo o mundo para decidir cal cremos que é a mellor estratexia para o posible reforzo para o outono de 2022. Cremos que conterá  ómicron", comentou  Bancel tamén á  CNBC.