Iniciativa conxunta

A oposición pide a comparecencia de Sánchez Izquierdo sobre o "presunto acoso" a Iria Pinheiro

Sánchez Izquierdo

En Marea, PSdeG e BNG piden conxuntamente que o director xeral da CRTVG informe á cámara. O programa en que pretensamente se tería producido o acoso denunciado pola actriz Iria Pinheiro é un espazo contratado pola TVG a unha produtora privada.
 

Ás 16.42 horas desta segunda feira 12 de marzo os grupos parlamentares de En Marea, PSdeG e BNG apresentaron perante o rexisto da cámara a petición de comparecencia, na comisión de seguimento da CRTVG, do director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo.

 

A petición viña asinada polos portavoces dos grupos: Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, de En Marea, PsdeG e BNG, respectivamente.

 

No texto pédese a Sánchez Izquierdo que informe "sobre o presunto acoso realizado polo director do programa 'Con amor e compañía' [José Luis Viñas Orta] a unha actriz [Iria Piñeiro] que denunciou os feitos perante o Xulgado número 3 de Santiago, segundo reflicte un meio de comunicación [Sermos Galiza]".

 

Dado o regulamento da cámara, a comparecencia non é obrigatoria, isto é, o PP, coa súa maioría absoluta, poderia vetala, cousa en todo caso politicamente pouco probábel.

 

No mesmo día en que Sermos noticiou a denuncia, o comité inter-centros da CRTVG demandou o cesamento do director denunciado. A compañía divulgou, tamén a sexta feira, un comunicado a meio do cal informou de que Viñas Orta non tiña neste momento ningunha vinculación co ente público e que, en todo caso, se adoptaba a decisión de "cautelarmente" prescindir dos seus servizos en tanto non haber unha resolución xudicial sobre a denuncia apresentada por Iria Pinheiro.

 

Esta mesma segunda feira, o BNG apresentou tamén unha batería de perguntas por escrito, para, entre outras cuestións, se interesar sobre se a CRTVG ten ou pensa ter un protocolo para a prevención do acoso e a violencia machista.