Piden á Comisión de pesca da UE o saneamento integral das rías e impulso dos seus sectores produtivos tradicionais

Batea de mexillón

Colectivos do mar, sociais e ambientalistas demandan que o Parlamento da UE inste á Comisión a elaborar unha norma específica para protexer as augas onde crían os bivalvos (mexillón, ameixa, berberecho...)

As plataformas en defensa das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo -que aglutinan a representan a un bo número de colectivos e axentes económicos, sociais e ambientalistas- demandan un maior compromiso na protección do medio mariño galego e dos sectores produtivos tradicionais a el ligados. Así se recolle no documento que entregaron á Comisión de pesca do Parlamento da Unión Europea. Explican nel a importancia para Galiza das rías, tanto a nivel ambiental como social e económico, incidindo na necesidade de proceder ao seu “saneamento integral”. “Levamos máis de 20 anos solicitando as autoridades competentes investimentos para preservar a calidade do medio mariño, e concretamente o saneamento integral das rías. Para elo requírense de actuacións reais e efectivas, e de compromiso para que abordar as cuestións que citamos a continuación”, afirman.

“Levamos máis de 20 anos solicitando as autoridades competentes investimentos para preservar a calidade do medio mariño, e concretamente o saneamento integral das rías”

Piden, entre outras cuestións, que se proceda a un “correcto tratamento e xestión” dos residuos urbanos e industriais, ao tempo que piden unha ampliación do marco lexislativo de protección. Lembran, neste sentido, que o soporte lexislativo actual baséase nomeadamente en parámetros químicos, obviando outros (microbiolóxicos, ecotoxicolóxicos, ecolóxicos, etc). “A caracterización química das augas por si sola non serve para definir o nivel de afección ambiental”.

Verdadeiras políticas de apoio

Neste documento, estas plataformas demandan unha “verdadeira política end efensa do marisqueo”, que xera case 4.000 empregos directos no noso país; así como apoio á miticultura, é dicir, o cultivo de mexillón, que representa 5.500 empregos directos. Ambos son alicerces fundamentais para o desenvolvemenmto económico e social da costs galega.

Tamén se solicita da UE maior apoio para avanzar no coñecemento das mareas vermellas, fenómenos naturais que obrigan a fechar os polígonos mexilloeiros; e a defensa do sector pesqueiro artesanal, así como a defensa dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe.