Un pesqueiro galego naufraga fronte á costa da Pobra do Caramiñal con tres mariñeiros a bordo, que saen ilesos

O buque naufragou fronte á praia do Areal, na Pobra. (Foto: Turismo da Galiza)
Foron rescatados por outra embarcación que traballaba na zona.

Un pesqueiro galego naufragou na mañá desta cuarta feira fronte á costa da Pobra do Caramiñal (O Barbanza) con tres mariñeiros a bordo, que saíron ilesos após ser rescatados por outra embarcación que traballaba na zona.

Segundo informaron fontes do servizo de emerxencias da Galiza, foi a Policía Local do devandito municipio a que alertou os servizos de emerxencia, indicando que un barco envorcara fronte á praia do Areal. Tamén se deu aviso a Urxencias Sanitarias, Gardacostas, Protección Civil e Garda Civil.

Tal e como indicaban os axentes, tres mariñeiros estaban no casco do barco, polo que se puxo en marcha un dispositivo para socorrelos. Finalmente foron rescatados por un bateeiro que se atopaba próximo ao lugar.

Un deles queixábase de dor na perna, polo que foi recollido por un equipo de Salvamento Marítimo. Con todo, finalmente foi trasladado por un barco da mesma armadora para a que traballa a Cambados (O Salnés), sede da empresa. O home indicou que el mesmo se desprazaría a un centro sanitario polo seu propio pé.

Remolcado outro barco a Burela

Nesta mesma xornada outro pesqueiro galego tivo que ser remolcado ao porto de Burela, na comarca da Mariña, tras sufrir un problema técnico no motor que deixou a embarcación sen goberno. Trátase do buque Virxe do Rocío, de 11 metros de eslora.

Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo a Europa Press, os feitos ocorreron minutos antes das 8.30 horas, cando os dous mariñeiros que traballaban no buque solicitaron axuda, ao estar sen goberno por un problema de refrixeración no motor.

Até o lugar desprazouse a Salvamar Alioth, que remolcou o pesqueiro até quedar atracado en Burela pasadas xa as 9 horas sen que ningún dos tripulantes resultase ferido.