Pesoal investigador da USC desenvolve unha "metodoloxía revolucionaria" para a diagnose da inflamación articular

Imaxe ilustrativa da rexión de interese (ROI, polas siglas en inglés) nun corte axial de tomografía computerizada de feixe cónico (CBCT). (Foto: USC)
O estudo decorreu en colaboración con grupos de investigación de Suíza e Dinamarca

Persoal investigador da USC, IDIS e Hospital Clínico de Santiago de Compostela, en colaboración co de institucións de Dinamarca e Suíza, desenvolveu unha "metodoloxía revolucionaria" para a diagnose e a medición da inflamación articular, a través de imaxes volumétricas sen contraste.

Tal e como apuntou a USC, os métodos actuais de seguimento da inflamación nunha única articulación dependen de índices derivados do exame clínico, como a detección do engrosamento sinovial, isto é, o aumento do líquido que cobre as articulacións.

Así, para detectalo e proceder á confirmación clínica de inflamación ou artrite na articulación temporomandibular (ATM, a que une a mandíbula co cranio) fai falta unha imaxe. A Resonancia Magnética (RM) con contraste é na actualidade a modalidade máis empregada para a diagnose da afectación desta articulación, e tamén a que achega máis información, pero a significación dos datos que proporciona e a súa interpretación son aínda motivo de debate.

Agora, a colaboración entre persoal investigador da USC, o IDIS, o CHUS e institucións de Dinamarca e Suíza, permitiu idear un novo método co que calcular volume articular e ofrecer unha medida cuantitativa indirecta do tecido inflamado na ATM.

No estudo, que acaba de ser publicado na revista Orthodontics and Craniofacial Research, pártese da accesibilidade e o fácil manexo dunha proba radiográfica como a tomografía computerizada de feixe cónico (CBCT polas súas siglas en inglés), unha técnica de uso habitual nas clínicas dentais, para aproveitala no exame clínico destas pequenas articulacións con artrites.

Segundo os autores do estudo, isto permite confirmar a presenza de líquido inflamatorio nesa articulación tan pequena por un aumento do volume.

A través deste novo método, que calcula o volume articular a través de demarcacións de áreas, o persoal investigador detectou unha alta diferenza entre enfermas con artrite idiopática xuvenil e as persoas sas que conformaron o grupo de control. O volume resultante na ATM de enfermas con artrites foi o dobre que na articulación de individuos sans.