Unha vida de loita entre Uruguai e a Galiza

Pesar polo falecemento de Xesús Gómez “Miño”

Xesús Gómez Miño. (Foto: Nós Diario)

O 31 de decembro faleceu Xesús Gómez, coñecido popularmente como Miño, entre as súas múltiples amizades da Galiza e de Uruguai

O ferrolán Xesús Gómez vinculouse desde moi novo á loita política e sindical. Afiliado do Partido Comunista de España e de Comisións Obreiras promoveu na súa cidade natal a primeira emisora radiofónica dedicada á información obreira.

Incorporado posteriormente ás filas do nacionalismo, desenvolveu unha intensa actividade como cadro da Confederación Intersindical Galega. Ao tempo, fixo parte da Unión do Povo Galego e do Bloque Nacionalista Galega, unha militancia que conservou até o final dos seus días.

Unha parte importante do seu labor político e social desenvolveuno en Uruguai. Concelleiro da Fronte Ampla en Montevideo, fixo parte do núcleo máis próximo ao histórico dirixente tupamaro, Eleuterio Fernández Huidobro, detido durante 12 anos pola ditadura militar e ministro de Defensa no primeiro Goberno de Tabaré Vázquez.

O compromiso coa causa do pobo uruguaio mantívose ao par da súa loita a prol da Galiza. Responsábel do Bloque Nacionalista Galego no país austral, fixo parte do Padroado de Cultura Galega de Montevideo e colaborou de xeito continuado no programa radiofónico, Sempre en Galiza, a emisión radial en galego máis antiga do mundo.

O seu amigo e compañeiro de tantas loitas en Uruguai, Manuel José López Faraldo, lembrábao nas redes sociais como unha persoa que “axudou a crecer no camiño da utopía de que todos somos iguais, de que non debe existir fronteiras no mundo, de que a terra é para o que traballa, de que os homes e as mulleres non deben ser escravas de patrón nin Estado algún”.

Faraldo sinalou que “axudou desde o Bloque Nacionalista Galego, a Fronte Ampla, a  Cap- L e tantos movementos sociais onde podía dar unha man, a conquistar o benestar de moitos emigrantes, dos seus paisanos de todo o mundo, tan é así que até estivo a mediar e viaxando para construír a paz en Colombia, ou a xestión que realizou para que o Padroado da Cultura Galega puidese conseguir unha doazón e así construír "ou  curruncho dá cultura  galega que hai non Río da  Prata”.