Pesar polo falecemento de Paz López Facal

Paz López Facal nunha foto coa familia (Foto: @albadetoba)

A ensinante Paz López Facal faleceu hoxe en Santiago de Compostela. Nada na parroquia de Toba na comarca da Costa da Morte, filla dun médico rural e membro dunha familia numerosa, estudou maxisterio en Santiago de Compostela, destacando ao longo da súa vida polo seu compromiso coa actividade docente.

Pioneira no ámbito da renovación pedagóxica, foi autora de diversas publicacións destinadas ao ensino como Labia:materiais de lecto escritura, participando noutras obras desta temática como Canles 1 lingua galega, 1º EXB, Canles 2 lingua galega, 1º EXB, Nobelos de Papel, 1 EXB ou Nobelos de Papel proposta didáctica: ciclo inicial, Educación Primaria.

Paz López Facal vinculouse desde moi nova ás actividades do galeguismo. Membro da Asociación Cultural Vigo desde a década dos 60, despedida do seu posto de traballo no colexio Rosalía de Castro de Vigo polo seu compromiso social durante a ditadura e comprometida coa causa da Galiza estaba casada con Camilo Nogueira Román e era nai de dúas fillas.