Pesar polo falecemento de Xaquín Álvarez Corbacho

(Foto: Compostela Aberta)

Catedrático de Economía Aplicada e Facenda Pública, faleceu aos 79 anos de idade no Grove, concello do que foi alcalde polo PCG entre 1979 e 1981. De mozo, xogou no R C Celta.

O profesor Joaquín Álvarez Corbacho faleceu esta cuarta feira aos 79 anos de idade. Recoñecido experto en municipalismo, era doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e catedrático de Facenda Pública.  Foi vicerreitor de Asuntos Económicos da universidade compostelá entre 1985 e 1990. Tamén foi catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e conselleiro do Consello de Contas de Galiza.

O seu compromiso coa loita pola democracia e contra a ditadura levouno a ser o primeiro alcalde da democrático no Grove, polo PCG, após o final do franquismo e desde o ano 1979 ata 1981.  De mozo foi tamén futbolista, pasando por clubs como o Real Club Celta ou o Racing de Santander.

OCCOO de Galiza lamenta nun comunicado o falecemento do que era un colaborador “moi activo” do sindicato e da Fundación 10 de Marzo durante décadas. “Exemplo do seu maxisterio están as súas colaboracións, entre outros, nos libros colectivos Os problemas dos concellos. O pacto local ou Reforma do Financiamento Autonómico: Perspectivas dende Galicia, editados pola fundación”.

Premios 10 de Marzo

En recoñecemento á súa traxectoria, a Fundación 10 de Marzo e o Sindicato Nacional de CCOO de Galiza distinguírono en 2013 cun dos Premios 10 de Marzo que entregan anualmente a persoas significadas na loita polas liberdades e en defensa da clase obreira.