Pesar pola falecemento de Carlos Guitián, médico, nacionalista e cofundador da Auriense

Carlos Guitián e Nemesio Barxa.

Militou no PSG baixo o franquismo e no BNG. Familia e achegados destacan o seu firme compromiso co país.

Carlos Guitián naceu en Ourense en  1927 e vén de falecer. Médico de profesión e vocación, nacionalista, ecoloxista e cun firme compromiso solidario que lle levou a viaxar a Cuba para alí instruír médicos do país en técnicas cirúrxicas.

Foi un dos cofundadores da Asociación Cultural Auriense, nada en 1967 e que da que Nemésio Barxa foi o seu primeiro presidente. Desde entón centrou a súa actividade na recuperación e participación de festas e tradicións populares como os maios, os magostos ou o Entroido, sempre reivindicando a normalización lingüística na Galiza. Canda Barxa, Guitián recibiu en 2022 o recoñecemento que supón o  Premio Brais Pinto 2022.

A súa familia lembra que loitou pola normalización da toponimia incuso baixo o franquismo, “pintando os letreiros con brocha e pintura negra”.

“Foi militante do PSG nos seus inicios na clandestinidade e e ofrecía a súa casa para xuntanzas que non estaban exentas de perigo. Loitou pola galeguización da igrexa, logros que os seus fillos fixesen a primeira comunión en galego, e que a partir de aí houbese  máis misas en galego”.

Tamén tivo un forte compromiso ecoloxista, do que deixou exemplo a súa loita para frear a instalación dunha celulosa ao pé do río Barbantes, ou cando se encadeou no Goberno Civil con outros activistas para protestar pola construción dun encoro no río Barantiño.

Foi enterrado coa bandeira galega cubrindo o seu féretro, tal e como desexaba.