Pesar no movemento antifascista e no deportivismo polo falecemento do coruñés Carlos Cela Seoane

Morreu aos 46 anos de idade após tres semanas hospitalizado por un infarto cerebral. Esta tarde terá lugar un acto de homenaxe na Coruña.

Carlos Cela Seoane morreu esta segunda feira na Coruña aos 46 anos de idade após tres semanas de batallar pola súa vida a raíz dun infarto cerebral. Carlos faleceu poucas horas despois de que o seu irmán Paco saíse do cárcere, onde pasou un total de 32 anos pola súa militancia nos Grapo.

O falecemento de Carlos causou dor e pesar na Coruña, a súa cidade, onde era moi coñecido pola súa implicación no antifascismo, polo seu local (Faluya) e polo seu deportivismo, expresado principalmente a través da peña que tiña porto base no Faluya. A través das redes sociais expresaron o seu pesar ducias de persoas, entre elas o deputado de En Común-Unidas Podemos Gómez Reino ou a concelleira do BNG Avia Veira, entre outras. Tamén lamentaron o falecemento peñas deportivistas e mesmo peñas doutras equipas de fútbol no Estado.

 

Carlos foi detido en xaneiro de 2008 canda outras catro persoas nun operativo contra o SRI (siglas en castelán de Socorro Vermello Internacional), ao que a xustiza española sinalaba como “estrutura legal” dos Grapo. Saíu en liberdade 9 meses despois. Finalmente, o caso foi sobreseído. Era irmán de Paco Cela e Suso Cela, ambos os dous con condenas en relación aos Grapo.

 

O corpo de Carlos descansa en Servisa, fronte ao Chuac. ÁS 19 horas desta terza feira está previsto que se realice nese lugar un acto de lembranza e homenaxe.