A pesar do contexto de emerxencia sanitaria que impera, a Xunta abre o prazo para as oposicións ao corpo de profesorado

A pesar da alerta por coronavirus, Feixoo convoca oposicións ao corpo de profesorado para o 20 de xuño.
O Diario Oficial da Galiza publicou as bases deste procedemento selectivo, fixado para o vindeiro 20 de xuño, malia a situación de emerxencia sanitaria declarada nesta sexta feira polo propio Goberno galego. 

Na tarde de onte a Xunta declarou a emerxencia sanitaria na Galiza debido á expansión continuada do coronavirus, un contexto que coloca o país nun estado de alarma fóra do común, con 135 casos positivos de infección no país segundo as últimas informacións facilitadas polo Sergas, e perante unhas eleccións pendentes de seren aprazadas. Esta medida, que implica o feche de bares, restaurantes e cafetarías para atención ao público, non impediu ao xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, publicar, na mañá da mesma sexta feira 13 de marzo, as bases e os prazos da convocatoria pública de oposicións para o corpo de profesorado. 

En canto ao prazo de inscrición, o Diario Oficial da Galiza recolle que permanecerá aberto desde a segunda feira, 16 de marzo, até o 6 de abril. Xa a data do propio proceso selectivo está fixada, como é o habitual no corpo de profesorado, para o vindeiro 20 de xuño

a data do propio proceso selectivo está fixada, como é o habitual no corpo de profesorado, para o vindeiro 20 de xuño

Prazas convocadas

Serán 2.354 prazas que se distribúen en 97 especialidades diferentes. O DOG recolle a convocatoria pública de procedementos selectivos, mediante o sistema de concurso-oposición, para cubrir 10 prazas no corpo de inspectores de educación, 1.041 prazas no corpo de profesores de ensino secundario, 68 prazas no corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, 85 prazas no corpo de profesores de música e artes escénicas, 40 no corpo de profesores de artes plásticas e deseño, 363 prazas no corpo de profesores técnicos de formación profesional e 747 prazas no corpo de mestres, situadas no ámbito de xestión da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galiza. Entre as vacantes, atópanse materias como Lingua Galega e Literatura, Grego, Latín, Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Debuxo, Francés, Inglés, Portugués, Educación Física, Orientación Educativa, Procesos e Medios de Comunicación, Navegación e Instalacións Mariñas ou Formación e Orientación Laboral entre outras.