Análise

O pesadelo da violencia administrativa

A burocratización extrema deriva no maltrato das persoas en situación de vulnerabilidade que solicitan axudas á Administración. (Ilustración: Álex Rozados)
Marta Capeáns, traballadora social nunha Oficina de Atención a Vítimas no ámbito xudicial, consultora 
e perita forense, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

As persoas que escollemos unha profesión das denominadas "vocacionais", que implican ese "halo de ayudar al prójimo", que non de caridade, moito menos de paternalismo, somos moi conscientes da dor que provoca o saber como tería que ser e como é realmente a realidade de bater coa/contra a Administración.

E cando digo bater, refírome a facelo de xeito case literal: levar moralmente unha frustrante labazada a man aberta cando precisas algo ao que tes dereito, pelexas para que ese dereito sexa case inmediato, porque non admite demora, a necesidade é do máis real e necesaria... e tropezas co que se deu en chamar violencia administrativa. Existe! É realmente violencia en toda regra... E diso hai que falar!

Falar do que é cruel, do que non responde a lóxica ningunha, do que fai tanto dano, frustra e desespera... e, sobre todo, non dá resposta ou chega cando xa é tarde. E con todo, estamos a falar, se non de esmagar dereitos, si de desprazalos ao marabilloso mundo de "ten paciencia, as cousas coa administración, xa se sabe! Van a modo, pero acaban indo".

A desesperación de non saber como pode facer para continuar coa súa vida, nin cando, nin como seguir vivindo

Ou "resiste, que ao final acaba chegando, porque tes dereito". Esas mil frases feitas que todos e todas coñecemos, pero que non responden á lóxica do que é realmente importante, porque esixen resposta rápida, e afunden a persoa, o usuario, a veciña na desesperación de non saber como pode facer para continuar coa súa vida, nin cando, nin como seguir vivindo, en definitiva.

A Rede Europea contra a Pobreza (EAPN), que engloba a tantas institucións que tratan de combater a carencia de recursos e as discriminacións que isto implica, bérrao alto e claro sempre que teñen ocasión: "Denunciamos a burocratización extrema e o maltrato que padecen as persoas en situación de vulnerabilidade que piden axuda á Administración". E con razón, con moitísima razón!

A EAPN, da que é parte a Rede Galega contra a Pobreza, moi activa en Galicia con constantes denuncias públicas que difunden ata a saciedade (para quen queira escoitar e entender, iso si) define perfectamente nunha campaña de incidencia pública en redes sociais do que estamos a falar aquí. Para que reinventar o xa inventado! É perder máis tempo aínda, e iso é o que desexamos evitar.

Vulneración de dereitos

Describimos o problema da violencia administrativa como unha distribución desigual do poder entre a Administración e as persoas administradas facendo a primeira uso da súa posición privilexiada para vulnerar os dereitos das segundas coma consecuencia da súa dificultade para cumprir cos seus deberes e funcións de servizo público para os que foi creada e encomendada, propiciando desigualdade no exercicio dos dereitos e obrigas da cidadanía.

Quen non sabe disto? Quen non se sentiu nunca vulnerable e case perdido á súa sorte, a expensas do que diga ou apure un funcionario ou a administración correspondente?

Eu si! Como cidadá. Máis de unha e de dúas e de tres veces, até o punto de verme na obriga de auto impoñerme calma para non perder o norte, e que sexa aínda peor. Que xa é triste cando falamos de exercer dereitos que unha ten.

Unha axuda para comer ou pagar o alugueiro, de emerxencia, ten unha tramitación de dous meses

Ademais, podemos mirar o conto dende outra perspectiva, a da persoa que está ao outro lado da mesa: como persoal da administración, neste caso traballadora social. Pero dá igual, podería ser calquera profesional (administrativa, interventor, etc.). Dá igual se dunha administración municipal, do eido da saúde, do xudicial...

Pásase verdadeira vergoña allea cando diante tes unha persoa que detrás ten a unha familia, que ten problemas realmente graves: dependencia da persoa maior que coida, falta de recursos, menores que precisan un plus de protección ou atención, etc., e non chegan as respostas, nin a prestacións que solicitamos, verdadeiramente molestas, longas, burocratizadas ata límites insospeitados. E cando o fan, o resultado acaba sendo escaso, e apenas soluciona a situación que se busca resolver.

Dous meses para unha 'emerxencia'

- Unha axuda para comer ou pagar o alugueiro, denominadas de "emerxencia", ten unha tramitación de dous meses
- Que te declaren persoa con dependencia suma varios meses de espera, máis ou menos segundo a provincia ou a comunidade na que vivas, se é que aínda vive a persoa beneficiaria cando chega o resultado da valoración.
- Un certificado que diga que tes unha discapacidade co seu grao correspondente pode tardar anos!

E mentres tanto, un mes tras doutro estás a recibir a persoa usuaria, porque quere saber. E non tes que dicirlle. Chamas á administración responsábel da xestión e non tes resposta!

Só rabia e vergoña, porque formas parte desa detestable situación que xera desesperación e que pouco axuda, máis ben contribúe a acrecentar o estrés e o malestar da persoa administrada. E sabes que estás aí para resolver e procurar exactamente o contrario: benestar social!