Convocadas polo BNG de Soutomaior

Perto de mil persoas concéntranse ao pé do Verdugo contra o transvasamento

O BNG de Soutomaior organizou na mañá da cuarta feira, 6 de decembro, unha mobilización ao pé do Verdugo para amosar o rexeitamento veciñal a un transvasamento que provocaría danos irreparábeis nos bancos marisqueiros de Arcade e un grave prexuízo ambiental no propio río.

Perto de mil persoas secundaron a concentración do BNG de Soutomaior ao pé do río Verdugo, onde a ponte medieval de Comboa, para rexeitar o transvasamento de auga ao embalse das Eiras, abastece os concellos de Vigo, Baiona, Cangas do Morrazo, Moaña, Gondomar, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Porriño, Mos e Oia.

 

A operación suporía rebaixar case á metade o caudal do río, ao pasar dos 800 mil litros ao segundo aos 350 litros sen sequera publicar un estudo de impacto ambiental. O portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que o transvasamento “implicaría un atentado aos bancos marisqueiros, ao medio ambiente e ao sistema ecolóxico do río Verdugo”.

 

Á mobilización convocada pola formación nacionalista acudiu a patroa maior da Confraría de Pescadores de Arcade, Rita Míguez, e representantes do colectivo de mariscadoras, que advirten da desfeita que produciría o transvasamento nos bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo. E é que o bombeo de auga afectaría á salinidade, á sedimentación e ás correntes –ao acurtárense as correntes, aumentaría o lodo e quedarían improdutivos bancos marisqueiros– e poría en perigo o principal motor económico do concello de Soutomaior. Tamén afectaría, aseguran, á pesca de anguías.

 

“Guerra de intereses entre a Xunta e o PSOE de Vigo”

 

Manu Lourenzo sinala que o PSOE de Vigo e a Xunta de Galiza “pretenden saldar co Verdugo como moeda de cambio a súa guerra de intereses particular”. O portavoz nacionalista lamenta o “desleixo” de Agustín Reguera (PP), alcalde de Soutomaior, quen acudiu a unha xuntanza coa Consellaría do Mar e con Augas de Galiza “na que estivo de oínte”. “Só o BNG e as mariscadoras foron quen estiveron á altura da gravidade nesa reunión e quen puxeron as consecuencias do transvasamento enriba da mesa”, engade.

 

O portavoz do BNG critica que o alcalde de Soutomaior non asistira á concentración convocada pola formación nacionalista malia ser expresamente convidado, “Agustín Reguera decidiu non estar coas veciñas e veciños cando nos xogamos tanto. É unha mágoa que poña os intereses do PP por diante dos intereses da veciñanza cando estamos diante dun conflito que require a unión de todas e todos”.

 

Quen asistiu á mobilización convocada polo BNG foron o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE); o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera; a deputada provincial e membro da Executiva Nacional do BNG, Eva Villaverde ou os concelleiros de Pontevedra Raimundo González e Anabel Gulías, amais de colectivos ecoloxistas como A rente do chan ou representantes de asociacións veciñais.

 

Manifestación en Ponte Caldelas

 

Esta concentración tivo lugar tres días após a manifestación convocada polo Goberno local de Ponte Caldelas contra o transvasamento do Verdugo á que asistiron máis de mil persoas.