Rexistrados perto de mil contaxios nunha semana nas escolas e colexios galegos

Alumnado nunha aula de FP. (Foto: Europa Press)

Hai 3.400 casos de coronavirus e 160 aulas fechadas, así como 9 centros.

Hai na Galiza 3.400 casos de coronavirus entre alumnado e docentes de escolas infantís e centros educativos. Son perto de mil máis dos que había hai una semana, o 21 de xaneiro. Tamén aumentan o número de aulas fechadas polo virus, que pasan de 103 daquela ás 160 de agora (57 máis) e os centros clausurados a raíz da Covid. Agora son 9 e hai una semana eran 6.

A área sanitaria con máis casos de coronavirus no ensino infantil, Primaria e Secundaria é a das Coruña, con 948 casos e 37 aulas fechadas. Na área sanitaria de Ferrol son 16as aulas clausuradas e 245 os alumnos e docentes contaxiados.

Aquí podes consultar centro a centro a situación da Covid en todas as áreas sanitarias da Galiza. 

Na área santiaguesa son 503 casos, 20 aulas fechadas e tamén un centro, a E.I de Praia Xardín, en Boiro, comarca do Barbanza. Na de Lugo son 2 os centros fechados (PAI de Friol e E.I Municipal de Viveiro), mentres que as aulas afcetadas con 9 e os casos elévanse a 309.

622 son os casos de Covid na área sanitaria de Vigo, onde hai un centro fechado (E.I Municipal da Cañiza) e 51 aulas. En Ourense hai 371 casos, 8 aulas clausuradas e 3 centros (PAI de Riós, E.I Unitaria en Trives e CEE en Miño), mentres que en Pontevedra son 402 os casos e 2 os centros fechados: E.I en Cuntis e en Forcarei.