Perto dun 3% das galegas que padeceron a Covid-19 acuden ao Sergas polas secuelas

Cribado masivo entre a mocidade ourensá, en xullo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Consellaría de Sanidade recoñece que as Unidades PostCovid postas en marcha nas sete áreas sanitarias do país xa realizados case 5.000 consultas por danos do virus relacionados con fatiga, alteracións psicolóxicas ou dificultade para respirar. Aliás, cabe recordar que até o momento outras 2.636 doentes faleceron pola pandemia.

As Unidades PostCovid do Servizo Galego de Saúde non paran de atender consultas vinculadas aos efectos derivados de ter sufrido o coronavirus. Perto de 5.000 persoas foron atendidas xa nas consultas médicas e de enfermaría das oficinas habilitadas nas sete áreas sanitarias.

É dicir, do total de cidadás que se contaxiaron -e continúan infectadas- na Galiza, case un 3% chegou a padecer dificultade respiratoria, fatiga ou alteracións psicolóxicas nun grao que fixo que decidiran acudir ao Sergas para obter tratamento ou respostas. Ademais, hai que ter en conta que moita xente refire ter algunha secuela aínda que en menor grao, polo que non consulta co persoal sanitario.

En concreto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que 4.690 citas foron para distintas médicas e outras 244 para ser atendidas por profesionais da enfermaría, procurando unha atención máis especializada que a que se pode obter nunha consulta normal.

Así o dixo no Parlamento, onde asegurou que as e os pacientes son sometidos a probas se é necesario.

Polo de agora, as usuarias deses espazos que están atendidos por 27 doutoras e 12 enfermeiras, representan un 2,7% do total de persoas que padeceron a Covid-19 no país até o momento. Iso si, tendo en conta que 2.636 faleceron (outro 1,47% do total).

Na súa comparecencia, García Comesaña non deu máis pistas sobre o volume de traballo de cada área nin de cada profesional, mais si comentou que o seu departamento remitiu enquisas para a detección de efectos do virus a algo máis de 94.000 galegas e galegos.

Aliás das dificultades respiratorias e a fatiga, as dores nos músculos e de cabeza, a perda do olfacto e a caída do cabelo "son os síntomas referidos cunha maior frecuencia". Ademais, un 28% das persoas consultadas padeceu a tristeza, da que case o 4% segue a notar ese sentimento a diario.