Temporal de chuvia, neve e vento: Perto de 800 alumnas quedaron sen colexio esta sexta feira

Dúas persoas camiñan pola neve en Castroverde (comarca de Lugo). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alerta laranxa por neve e temporal costeiro

Un total de 799 alumnos e alumnas quedaron sen clase esta sexta feira debido ás nevadas das últimas horas, nunha nova xornada de temporal que afectou as comarcas da montaña. Ademais, un total de 23 centros víronse afectados, oito dos cales suspenderon as súas clases.

Concretamente, segundo os datos recompilados pola Consellaría de Educación o CEIP Plurilingüe Concepción López Rei de Baleira (comarca da Fonsagrada); o CPI Uxío Novoneyra, en Folgoso do Courel (comarca de Quiroga); o CEIP Ricardo Gasset, no Incio (comarca de Sarria); o CPI Plurilingüe Laureano Prieto da Gudiña (comarca de Viana); o CEIP de Casaio, en Carballeda de Valdeorras; CPI Castro Caldelas, de Castro Caldelas (Terra de Caldelas); o CEIP Augusto Assia da Mezquita (comarca de Viana) e o CEIP das Vendas da Barreira, de Riós (comarca de Verín), foron os centros que tiveron que suspender as clases por motivo da situación meteorolóxica.

A alerta laranxa por neve que Meteogaliza mantén activa desde esta tarde nas comarcas da montaña permanecerá até ben entrado o sábado.

Temporal costeiro

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza mantén activada para esta sexta feira unha alerta laranxa por temporal costeiro. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso está activo desde a madrugada.

O vento do oeste ou suroeste será de forza 8, e o mar combinado do oeste provocará ondas de até sete metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade de bens e persoas, Emerxencias informou da situación aos concellos afectados, deputacións e servizos provincias e agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil, así como a clubs náuticos, entre outros.