Perto de 500 persoas faleceron en 2021 nas listas de agarda da dependencia

Os expedientes da dependencia acostuman rexistrar amplos atrasos no país. (Foto: Europa Press)
O dato aparece recollido nun informe que elaborou a Asociación Estatal de Directors e Xerentes de Servizos Sociais. A entidade contou con estatísticas fornecidas polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

A Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais informou esta cuarta feira de que no que vai de ano, na Galiza, faleceron 448 persoas nas listas de agarda da dependencia.

Após elaborar un informe con cifras do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, o colectivo explicou que 375 persoas desta listaxe do país xa viran recoñecido o seu dereito a recibir unha prestación.

No entanto, aínda non viran efectuados os primeiros pagos das axudas.

Outras 73 galegas e galegos dos que faleceron tiñan pendente a resolución do seu grao de dependencia, para saber se as administracións públicas lles concedían o dereito.

Bater coa burocracia

A finais do mes de novembro, había perto de 4.300 cidadáns á espera. Porén, estes datos non son os peores do Estado español. Segundo o estudo, o país estaría dos últimos en decesos cun 6,2% das e dos solicitantes.

A media estatal está no 14,53%. Así, as peores taxas danse en Catalunya ou Canarias. Moi por debaixo estarían Nafarroa (co 4%) e Castela e León (0,15%). En total houbo 43.381 pasamentos.

Segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, "a burocracia nos procedementos e estas comunidades non van permitir que o Goberno cumpra co obxectivo de redución da lista de espera en 60.000 persoas comprometidas no plan de choque".