Nas rúas e nas redes: primeiros paseos das crianzas galegas após 42 días de confinamento

Sofía xoga coas margaridas na súa primeira saída.
Perto de 300.000 nenas e os nenos galegos menores de 14 anos poden saír á rúa baixo as condicións de protección e seguridade anunciadas polo Goberno. A medida busca aliviar o impacto físico e emocional do confinamento.

Era unha das medidas máis agardadas polas familias. As crianzas menores de 14 anos poden saír a rúa desde este domingo acompañadas por unha persoa adulta e respectando as regras de hixiene e seguridade propias do estado de alarma.

A decisión chega precedida de numerosas críticas após o primeiro anuncio do Goberno que limitaba as saídas de nenos e nenas ao supermercado, á farmacia ou ao banco; os recados básicos consentidos durante a corentena.

A indignación das familias forzou a recuada do Executivo estatal, que fixou unhas condicións novas. Segundo recolle a Guía de boas prácticas nas saídas da poboación infantil durante o estado de alarma:

1. As crianzas poden saír a pasear, correr e xogar.

2. Deben respectar a regra dos catro uns: unha vez ao día, unha hora, acompañdas dunha persoaa adulta e nun quilómetro arredor da casa.

3. Unha mesma persoa pode acompañar até tres nenos e nenas.

4. As crianzas poden levar os seus xoguetes mais non os poden compartir, nin xogar con grandes nin pequenos.

5. Poden pasear pola vía pública e por zonas verdes, sen entrar en parques nin zonas de xogo.

6. Deben evitar as aglomeracións e manter unha distancia social de dous metros. De non ser posíbel, aconsélase o uso de máscaras.

7. Tamén poden acompañar a seus pais, nais ou coidadoras a sacar o can, tirar o lixo ou mercar o pan e o xornal. As persoas adultas ao cago das crianzas deberán velar polo cumprimento das normas e contar cunha autorización asinada se non son pais, nais ou titoras.

8. E todo isto, entre as nove da mañá e as nove da noite.

A mesma guía estabelece que non poden saír as crianzas que teñan síntomas ou estean en corentena.