Perto de 1.500 hectáreas calcinadas nos incendios que aínda non foron extinguidos

O incendio que afectou o barrio coruñés de Elviña. (Foto: Europa Press)
Aínda non se extinguiron os tres incendios de Arbo que xa queimaron unhas 500 hectáreas.

Após o incendio de Verín, que xa calcinou 600 hectáreas, o que afectou unha maior superficie nos últimos días é o de Mourentán, en Arbo, que suma 400 hectáreas arrasadas e xa foi estabilizado, segundo as últimas estimacións facilitadas pola Consellaría do Medio Rural.

No mesmo municipio, outro fogo orixinado na parroquia de Barcela fica activo en mantén en vigor a situación 2 de alerta como medida preventiva por mor da proximidade das chamas ao polígono industrial.

Moi perto de Arbo, na comarca do Condado, segue pendente de extinción, mais xa baixo control, o incendio de Padróns, en Ponteareas, que queimou arredor de 20 hectáreas.

Os incendios da Mezquita e Maceda evolucionan "favorabelmente" e sen afectar as vivendas

Aliás, desde as 17.41 horas desta cuarta feira fica activo o fogo forestal do Pereiro (A Mezquita), que evoluciona "de forma favorábel" e "sen afectar as aldeas", segundo Medio Rural.

O control do incendio de Maceda, que comezou en tres focos diferentes e simultáneos en Castro de Escuadro, evoluciona tamén "favorabelmente" cara á súa estabilización sen afectación a aldeas. E ás 00.46 horas desta quinta feira foi estabilizado o lume iniciado en Lobás, en Calvos de Randín, após arrasar 50 hectáreas.

As chamas alcanzaron tamén os arredores da cidade da Coruña, onde un incendio forestal en Elviña queimou unhas seis hectáreas en apenas 18 horas, mais xa foi controlado de novo após o surto orixinado esta mañá.