Persoas non binarias piden un terceiro marcador de xénero

O colectivo O Un por Cento reivindicou na Coruña a inclusión da terceira casa no DNI. (Foto: Nós Diario).
Após quedar fóra da Lei trans, o colectivo de persoas non binarias mantén o pulso para lograr a inclusión da terceira casa nos documentos de identidade oficiais. Na Galiza, o colectivo O Un por Cento levou ás rúas da Coruña unha demanda que busca mudar os modelos de rexistro e favorecer o seu recoñecemento.

O 1% é unha porcentaxe moi pequena que, malia todo, pode resultar significativa e mudar o rumbo das cousas. É, ademais, o nome dun colectivo que bota a andar na Coruña co obxectivo de defender os Dereitos Humanos e visibilizar as diferentes realidades e experiencias das persoas trans e non binarias, un termo paraugas para definir aquelas que non se identifican nin como home nin como muller. Na súa estrea pública levou a cabo unha acción simbólica e reivindicativa diante do rexistro civil da cidade.

"Hai cousas moi urxentes que nos atravesan e requiren unha acción firme. E unha delas é o terceiro marcador", explica a Nós Diario Daph Sánchez Rodríguez.

Nin somos X, nin indeterminades, nin outredades, somos non binaries

"Pode parecer que se trata só dunha petición que loce moi ben nunha pancarta e malia que aínda non é unha realidade, tampouco é unha quimera". A Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas Lgbti "deixounos fóra completamente", asegura, pero hai territorios que recoñecen as identidades non binarias de diferentes formas: marcando 'X', 'non especifica' ou 'indeterminada'. "Persoalmente a min esta non me gusta porque o que estamos a facer é autodeterminarnos. Nin somos X, nin indeterminades, nin outredades, somos non binaries", polo que defende un marcador propio co identificador NB.

Alemaña, Islandia e Malta son os únicos países europeos que recoñecen as identidades non binarias, segundo ILGA-Europe, unha organización internacional non gobernamental e independente que reúne máis de 600 entidades de Europa e Asia Central; un obxectivo que se mantén no Estado español malia "o revés" da Lei trans, afirma Daph.

"A inclusión dunha terceira casa nos documentos oficiais suporía alcanzar o recoñecemento legal da nosa identidade e suporía a fin de moitas violencias e discriminacións no ámbito educativo, laboral, sanitario ou administrativo, onde accedemos case sempre co carné de identidade. Ser recoñecides legalmente evitaría moitos problemas nun momento en están a aumentar as agresións, a transfobia e a lgbtiqafobia".

Fin da invisibilidade

Unha terceira caixa contribuiría, ademais, a rachar coas normas de xénero binarias, a visibilizar e facer respectar o pronome que cadaquén escolle para si: el, ela ou elu; sen agocharse. O Estudo sobre as necesidades e demandas das persoas non binarias en España, de 2022, do Ministerio de Igualdade, evidencia que 97% das persoas binarias consultadas utiliza as estratexias de passing, –"de supervivencia para evitar agresións e violencias"–, polo menos nun ámbito da súa vida, 60% na maioría; unha realidade que dá conta do medo a perder o emprego ou da vulnerabilidade e incerteza do colectivo ante as interaccións sociais. 

O recoñecemento universal da caixa NB, que a rede de Bibliotecas da Coruña xa inclúe  nos seus impresos e que Interior incorporou ao Rexistro de Estranxeiros da UE a raíz dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, daría acceso a oportunidades sociais agora descoñecidas e acabaría con respostas de odio recorrentes.