"As persoas necesitan ver que existen proxectos que visibilizan o mercado de segunda man"

Os produtos que elaboran Carolina García e as súas compañeiras dan unha segunda vida a obxectos usados. (Foto: Nós Diario)
Carolina García é unha das integrantes de O faiado de Aracne, un proxecto de reutilización que se presentou a través das redes sociais.

Carolina García, participante do proxecto O faiado de Aracne, conta como foi a creación da marca e a acollida que tivo tras a súa presentación nas redes. García traballa no proxecto con dúas compañeiras máis, e as tres concordan na necesidade de darlle unha segunda vida a obxectos usados. Os produtos que venden caracterízanse por seren feitos a partir de materiais reciclados ou doados por persoas próximas ao proxecto. Entre estes destacan as bolsas de tea así como libros, prendas de roupa ou bixutería. E coa lingua galega por bandeira. 

Avante Pouca

Como xurdiu a idea de constituír esta marca?
Foi a partir do Erasmus en Alemaña que fixo unha compañeira do proxecto. Ela decatouse da importancia que teñen as tendas de segunda man alí e cando retornou á Galiza comentounos o incríbel que sería levar a cabo un proxecto como aquel aquí: crear unha plataforma na que poder atoparmos diferentes obxectos que normalmente non atoparíamos. Nós o que queriamos conseguir con esta marca era demostrar que se lle pode dar unha segunda vida a produtos reciclados. Con esta iniciativa buscamos que a xente se decate do que ten. Moitas persoas pensan que os obxectos que non son de primeira man non valen ou que xa están moi gastados e acábanse tirando. Nós pensamos que todo pode ter unha segunda vida.

Levan o proxecto tres mulleres. Como traballan?
Si, somo tres compañeiras: unha encárgase da costura, outra dos deseños e a terceira de pintar as bolsas de tea. Os nosos produtos principais son as bolsas feitas a partir de materiais reciclados. Ademais tamén temos libros e prendas de roupa de segunda man, así como bixutería que nos doan diferentes persoas. Co tema dos modelos das bolsas de tea, comezamos con deseños propios, pero pronto engadimos a posibilidade de facer deseños particulares, como, por exemplo, con motivo Do día da Visibilidade Bisexual, que fixemos debuxos en relación ao tema. As bolsas con este tipo de deseños fixémolas tamén para conseguir cartos para organizacións a prol do colectivo LGTBI, entre outras cousas. Recentemente tamén comezamos a facer deseños personalizados deixándolle á xente que elixa o que queira. Estamos intentando ter moita interacción coas nosas seguidoras para ver que ideas interesan máis. Traballamos con diferentes medios, principalmente vendemos a través das redes sociais, pero tamén colaboramos cunha tenda de Mougás (Oia) que se chama Pedra Rubia. Os pedidos danse maioritariamente na cidade de Compostela, aínda que tamén temos para toda a Galiza.

Avante Media 

Se a acollida foi boa, cren que é un proxecto que pode durar no tempo? 
A acollida foi boísima, sorprendeunos moito. Abrimos a conta de Instagram en xullo e en poucos días xa moitas persoas compartiran o proxecto, tamén por Twitter. Tivemos moito apoio, gustounos moito ver como se implicou a xente. Se a xente continúa a darnos tanto ánimo, claro que pensamos que pode ser un proxecto duradeiro. Agora estamos compaxinando os nosos estudos coa marca, polo que nos leva algo de tempo sacar cousas novas; pero nun futuro conto con que o proxecto estea máis asentado e cunha mellor organización pola nosa parte. Estamos pensando en lanzar novos produtos relacionados, principalmente, coas teas, que é o que mellor funciona. Quizais deseñemos pequenas bolsas coa tea que nos sobra para levar o almorzo ou mesmo para gardar as máscaras e, deste xeito, non desperdiciar nada do produto sobrante. 

Avante Toda

Que importancia cren que teñen este tipo de proxectos?
Penso que a xente necesita ver que existen proxectos que dan visibilidade ao mercado de segunda man. Ademais, penso que é moi importante a necesidade de transmitir unha información ao respecto. Nós non só vendemos un produto, senón que tamén informamos sobre a necesidade da venda do mesmo. Con frecuencia a xente non sabe que este mercado existe. Nós non somos as primeiras nin as últimas en levar a cabo este tipo de iniciativas, pero a maior parte das persoas non coñecen a súa existencia. Estamos intentando demostrar que se poden cambiar moitas crenzas que temos demasiado interiorizadas.