As persoas nadas na Galiza que residen fóra do Estado español superan as 156.000

Unha cifra que aumenta a 503.000 persoas de lles sumar os que adquiren a nacionalidade por ser netos ou fillos de galegos. Arxentina é o país onde viven máis persoas nadas aquí (44.165) e onde menos, Xordania, con 9.

Un total de 503.840 galegos residen no estranxeiro, segundo os datos do PERE (Padrón de residentes no extranxeiro), que vén de facer públicos o Instituto nacional de estatística. Unha cifra da que fan parte tanto as persoas nadas na Galiza que emigraron a outros países como, ao abeiro da Lei da memoria, as netas e fillas de galegos que poideron adquirir a nacionalidade.

Só en 2015, emigraron fóra do Estado español 21.000 galegos. O equivalente a todos os habitantes de concellos como Monforte, Moaña ou Teo

Onde máis

De nos centrar naquelas persoas nadas na Galiza, o número delas que residen fóra do Estado español é de 156.765. Serían, xuntas, a terceira cidade do país, só superados por Vigo e A Coruña. O continente americano é onde residen a maioría delas, 97.030, na súa maioría en Arxentina (44.165), Venezuela (16.218) ou Brasil (12.579). Países como Estados Unidos manteñen unha colonia galega importante, con máis de 8.000 residentes que naceron na Galiza.

E son 57.332 as persoas que naceron no país mais que actualmenter residen noutros países de Europa (que non sexa o Estado español). Suiza encabeza a listaxe, con 20.515 galegos vivindo no seu territorio, Francia, con case 11.000 e Gran Bretaña, con 8.366. Alemaña (8.229) é outro dos estados onde hai unha presenza galega importante.

Nestes datos que vén de publicar o INE non se inclúen os galegos que emigraron e residen noutros territorios do Estado español

En Asia residen 760 persoas nadas na Galiza e en Oceanía un total de 1.064. No continente africano son 579 os e as galegas que viven alí.

E onde menos

Nas listaxe do INE, estados como Xornadia ou Israel son os que figuran con menos galegos residindo nos seus territorios, 9 e 11, respectivamente. Hai países con menos presenza de compatriotas, mais non figuran na clasificación. 

Só en 2015 marcharon de Galiza case 21.000 persoas nadas nela, unha cifra que amosa como a emigración segue a ser unha opción para miles de galegos.

E cómpre lembrar que nestes datos non se inclúen os galegos que emigraron ou residen fóra de Galiza mais noutros territorios do Estado español.