As persoas menores de 55 anos contaxiadas de Covid-19 terán que esperar 6 meses para recibir a vacina

Cribado masivo no Instituto Feiral de Vigo, este sábado (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

Así se establece na actualización da Estratexia de Vacinación fronte á Covid-19 no Estado español.

As persoas menores de 55 anos que se contaxien de coronavirus, independentemente da súa gravidade, van ter que esperar seis meses para poñerse a vacina do Covid-19, segundo se establece na actualización da Estratexia de Vacinación fronte á Covid-19 no Estado español, publicada hoxe polo Ministerio de Sanidade.

Ademais, no documento sinálase que aqueles menores de 55 anos que se infectaron tras recibir a primeira dose de calquera das tres vacinas actualmente dispoñíbeis van ter tamén que esperar seis meses para recibir a segunda dose.

Con todo, o Ministerio de Sanidade puntualiza que nas persoas de maior idade, con ou sen factores de risco, a administración da vacina realizarase nas mesmas condicións e prazos que aqueles que non pasaron o Covid-19. Así mesmo, desaconsella a realización de probas serolóxicas antes da vacinación.

Doutra banda, o documento establece que, a nivel xeral, atrásase a administración da segunda dose por problemas de desabastecemento, terase que  inocular "canto antes" e a pauta completa deberase realizar coa mesma vacina.

Así mesmo, as persoas desprazadas a outras comunidades autónomas e as estranxeiras residentes no Estado que recibiron a primeira dose nunha rexión diferente á que residen no momento da segunda dose, ou que recibiron a primeira dose noutro país, administraráselles a segunda dose no lugar onde se atopen desprazadas ou residindo.

No caso de residentes e grandes dependentes nos que hai varios titores legais que non están de acordo en canto á vacinación, prevalecerá a decisión que a ciencia apoia como mellor opción para estas persoas, que é a vacinación, salvo que haxa algún motivo clínico que xustifique non facelo.

Respecto a a vacina de  AstraZeneca, que se recomenda en persoas de entre 18 e 55 anos, a actualización da estratexia inclúe novos grupos que terán prioridade á hora de recibila, priorizando así aos traballadores de servizos esenciais como membros das Forzas Armadas, funcionarios de Prisións, membros de Corpos de Seguridade e servizos de emerxencia como Bombeiros ou profesores de infantil e primaria.

De feito, estableceuse un novo subgrupo dentro do persoal sanitario e sociosanitario que contempla aos colectivos en función do risco de exposición da actividade laboral.

 Así, dentro do Grupo 3, establécese un subgrupo 3 B que, entre outros, contempla fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, persoal de oficinas de farmacia, medicina legal, servizos de axuda a domicilio, centros de menores e de centros de día. Tamén se inclúe aos traballadores de Institucións Penais.

Do mesmo modo, definiuse o Grupo 6 que contempla colectivos cunha función esencial para a sociedade no que se inclúe a Forzas e Corpos de Seguridade (Policía Nacional, Garda Civil, Policía Autonómica e Policías Locais), outro persoal de emerxencias como os bombeiros, así como membros das Forzas Armadas. Neste grupo tamén inclúe docentes e persoal de educación infantil e necesidades educativas especiais, e docentes de primaria e secundaria.