Tres persoas feridas pola deflagración dun depósito de gas en Ourense

Central de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: Nós Diario).
As vítimas, dous homes de 38 e 43 anos e mais unha muller de 89 anos, foron trasladadas ao hospital.

Tres persoas resultaron feridas esta cuarta feira pola deflagración dun depósito de gas en Ourense, que afectou ademais varios alpendres e a vivenda lindeira. Segundo informou a central de emerxencias do 112, o servizo tivo constancia destes feitos cando faltaban escasos minutos para as 21.30 horas da noite desta cuarta polas chamadas de múltiples particulares que relataban que escoitaran a explosión e que vían como saía lume desa vivenda, situada na rúa de Losada Diéguez.

A pesar de que naquel momento eran incapaces de precisar se algunha persona resultara ferida, si confirmaban que había varias vivendas habitadas pola zona. Os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Bombeiros, Policía Local de Ourense, Policía Nacional e membros de Protección Civil de Barbadás.

Cando chegaron ao lugar, o persoal sanitario confirmou que había tres persoas feridas, todas elas evacuadas en ambulancia ao hospital de referencia. Unha delas resultou ferida de consideración. Ao mesmo tempo, os servizos de emerxencias comprobaron que o incendio fora consecuencia dunha deflagración por acumulación de gas nun depósito situado na parte posterior dunha vivenda.

Unha vez finalizada a súa intervención, os bombeiros comunicaron os diferentes danos materiais que se rexistraron. Arderon varios galpóns próximos ao depósito, así como o piso inferior da vivenda lindeira. Tamén as xanelas do devandito inmóbel e un vehículo sufriron danos.

Segundo informou o 061, as vítimas, dous homes de 38 e 43 anos e mais unha muller de 89 anos, foron trasladadas ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).