As persoas con ELA poderán recibir unha axuda de 9.868 euros ao mes

Unha paciente con esclerose múltiple, someténdose a un tratamento de rehabilitación nun centro sanitario (Foto: Europa Press).
A prestación busca garantir a atención continuada.

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira un real decreto para dotar con 500 millóns de euros a lei ELA, aprobada hai un ano, e que contempla unha prestación de até 9.868,6 euros mensuais por paciente con ELA e outras enfermidades neurolóxicas graves en fase avanzada para garantir unha atención especializada 24 horas ao día a estas persoas.

"Aquí plásmase un ano de intenso traballo, non só por parte deste Ministerio, senón de distintos Ministerios dentro do Goberno, tamén das comunidades autónomas e da sociedade civil, para cumprir co plan de despregadura da lei ELA", sinalou o ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, en rolda de prensa tras o Consello de Ministros.

A normativa propón a creación do Grao III+ de dependencia extrema para o acceso a servizos especializados, que é "a novidade que maior impacto terá a longo prazo", dixo Bustinduy. O Grado III+ recoñece un dereito subxectivo a coidados intensivos para persoas que padecen procesos caracterizados pola ausencia dun tratamento de curación, o pouco tempo de supervivencia desde o diagnóstico, a rápida evolución cara a un alto nivel de discapacidade e a necesidade de integrar coidados complexos sanitarios e sociais.

O Goberno estatal estabelece unha prestación de até 9.868,6 euros ao mes a cada paciente, coa fin de garantir unha asistencia continuada ás súas necesidades, financiada 50% polo Estado e o outro 50% pola comunidade en que resida.

De forma anual, para cada paciente garántese un investimento salarial de 118.423 euros en 14 pagas. O decreto publícase hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) e deberá ser validado polo Congreso español nun prazo de 30 días.