Na Galiza hai 13.700 doantes de médula ósea

A asociación Asotrame esta fin de semana na praza do Obradoiro nun acto de concienciación sobre a doazón de medula ósea. (Foto: Europa Press)
Mañá é o Día Europeo da Persoa Doante de Medula Ósea, un tipo de doazón que, se ben non resulta tan habitual como a de sangue ou de órganos, é igualmente imprescindíbel. Así o asegura David Vivar Vizoso, membro da Asociación Galega de Persoas Afectadas por Transplantes Medulares e outras Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame).

Con motivo da celebración do Día Europeo da Persoa Doante de Medula Ósea e dez días despois do seu equivalente día internacional, David Vivar explica a Nós Diario en que situación se encontra este tipo de doazón así como a súa importancia para as persoas que a precisen. “Actualmente atópase nun bo momento”, sostén, "incluso a pesar da pandemia, o número de persoas doantes continuou medrando”. Vivar sinala que o Plan nacional de medula ósea presentaba como obxectivo chegar ás 400.000 persoas doantes a finais do ano 2020, “un número ao que se chegou con bastante antelación”. 

Ademais, indica que o obxectivo actual é alcanzar o medio millón de doantes a finais deste ano; “o certo é que cada vez se inscriben máis persoas como doantes de medula, pero aínda queda moito traballo por facer con respecto a ofrecer unha información veraz ao respecto”. Vivaz advirte de que aínda existen moitos medos, mitos e falsas crenzas sobre o proceso de doazón, que non é tan complicado nin perigoso para as persoas doantes como se pensa.

O proceso de doazón non é tan complicado nin perigoso para as persoas doantes como se pensa

O proceso de doazón

Desde Asotramen informan da importancia de contar con todas as persoas doantes de medula que sexa posíbel. “Cando alguén precisa recibir un transplante de medula", habitualmente persoas con leucemia ou outras enfermidades do sangue, "primeiro compróbase se existe unha compatibilidade entre os familiares”, explica Vivar. “Só un de cada catro son compatíbeis, un 25%, co cal, se non hai esa compatibilidade, búscase unha persoa doante non emparentada”.

É por este motivo polo que canto máis ampla sexa a base de datos do Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (Redmo), “máis sinxela resultará a busca dun doante compatíbel” e polo tanto o tempo de agarda será menor e os resultados resultarán mellores.

Cantas máis persoas queiran doar haxa máis sinxera resultará a busca dun doante compatíbel

Segundo sostén Vivar, “cada vez coñécese máis sobre o tema” e a poboación parece estar máis sensibilizada ao respecto. Con todo, continúa a haber moita confusión. “A xente pensa que para facer unha doazón de medula é precisa unha punción lumbar e que o proceso resulta moi doloroso, cando non é así”. Desde Asotramen advirten de que estes medos nacen dunha información mal contrastada.

A situación na Galiza

Segundo os datos ofrecidos pola Xunta este mesmo mes de setembro, na Galiza experimentouse unha notábel evolución en canto ao rexistro de doantes de medula ósea acumulando máis de 13.700 doantes, como así está rexistrado en Redmo. Vivar comenta que o obxectivo deste ano é chegar aos 15.000. Con todo, engade que, se ben o estado Español sitúase nunha boa posición no ranking europeo de doantes, non existe unha cultura de doazón de medula tan consolidada como noutros lugares, como é o caso de Alemaña.

Segundo os datos da Xunta, a Galiza conta con máis de 13.700 doantes de medula ósea

A persoa interesada en ser doante de medula debe ter entre 18 e 40 anos e estar sa. Para rexistrarse como doante, ademais de facilitar os datos básicos, cómpre a extracción dunha mostra de sangue para estudar a compatibilidade coa persoa que precise o transplante. Así, a persoa inscrita, cuxos datos son anónimos, poderá ser chamada excepcionalmente para efectuar unha nova extracción de sangue de ser precisa. 

Se a persoa é chamada para doar, pode facelo mediante unha extracción de sangue periférica despois da administración de entre 4 e 5 inxeccións subcutáneas dunhas  substancias denominadas factores de crecemento hematopoiético, que permiten que as células nais da medula ósea pasen ao sangue. Esta doazón non require anestesia e pode realizarse nun hospital especializado. Esta é a opción máis solicitada polas persoas doantes.

Por outra parte, tamén é posíbel extraer o sangue medular cunha xeringa da parte posterior do óso da cadeira. Esta extracción si se realiza baixo anestesia xeral ou epidural.