As persoas con discapacidade auditiva séntense discriminadas por Educación

Persoas con discapacidade auditiva acudiron ao Parlamento para achegar as súas queixas. (Foto: Nós Diario)
As máscaras impiden a integración das xordas e xordos nas aulas

A xestión da Xunta da Galiza está a provocar a exclusión das persoas xordas no ámbito educativo. Así o aseguran as afectadas e afectados, que pon de manifesto que os protocolos aprobados polo Goberno galego estabelecen para o alumnado e os docentes con necesidades educativas especiais a utilización dos Sistemas Aumentativos e Alternativos de Comunicación, así como a adaptación da información ás modalidades accesíbeis como, por exemplo, a lectura fácil. Estas opcións excepcionais, din, non atenden a realidade da comunidade educativa con discapacidade auditiva.

Na comisión parlamentar de Cultura e Educación, que decorreu o día de onte no Parlamento da Galiza, o Partido Popular desbotou unha iniciativa presentada pola deputada do BNG Mercedes Queixas e apoiada polo grupo socialista, que solicitaba a posta en marcha de “medidas educativas e de protección sanitaria adecuadas ás necesidades especiais das persoas con deficiencia auditiva”. O obxectivo era garantir con equidade a continuidade do seu proceso de ensino-aprendizaxe e evitar a súa discriminación social no centro educativo.

No transcurso do debate, Queixas afirmou que “a obrigatoriedade do uso da máscara para as persoas xordas no marco escolar está a provocar un impacto moito maior, xa que, para alén de anular a comunicación verbal a través fundamentalmente da lectura labial, mingua moi considerabelmente a tan importante capacidade comunicativa que ofrece a linguaxe xestual facial e impide socializar coa normalidade necesaria este colectivo no seu centro educativo”.

“A xordeira non incapacita, non anula. A máscara si”, expuxo a deputada nacionalista, quen destacou que “as persoas xordas fan un sobreesforzo por se integraren na sociedade e superaren a que é recoñecida como a discapacidade máis cruel polo feito de ser invisíbel”. Ao tempo, denunciou a “insensibilidade e a falla de decoro” do Partido Popular por oporse á iniciativa.

Plan de igualdade no ensino

O Partido Popular tamén rexeitou na comisión de onte someter a avaliación o Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos para o período 2016-2020, elaborado conxuntamente pola Secretaría da Igualdade e a Consellaría de Educación. Así, votou en contra dunha proposta presentada polo deputado do PSdeG Luís Álvarez e apoiada polo BNG. 

Álvarez argumentou a pertinencia da súa proposta sinalando que “o horizonte temporal que comprendía a vixencia deste I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos da Galiza” rematou e lembrou que responde “á tendencia existente nos últimos anos, nos que se observa un aumento das condutas discriminatorias e dos estereotipos sexistas entre o alumnado dos centros educativos”.

O deputado socialista expuxo na súa iniciativa que “o plan carece dunha memoria económica, xa que implicou gasto ordinario tanto da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional como da Secretaría Xeral da Igualdade, dependente da Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, administracións públicas e Xustiza, polo que tamén resulta pertinente coñecer o que cada unha delas gastou en cada curso de vixencia do plan”. Na mesma liña, lamentou que o Goberno galego non expresase a vontade de darlle continuidade de cara a vindeiros exercicios, atendendo “aos principios de transversalidade, sociedade igualitaria e obxectivo violencia 0 nas aulas e na sociedade e inclusión e integración da diversidade”.