As persoas coa pauta completa non gardarán corentena se están en contacto cun positivo

Unha sanitaria pasa o fármaco a unha xeringa. (Foto: Europa Press)
Deberán facer probas PCR e evitar demasiados contactos sociais. Así mesmo terán que levar a máscara en todo momento.

A Comisión de Saúde Pública, na que están representados o Ministerio de Sanidade e os diferentes territorios, aprobou nesta terza feira a actualización da Estratexia de detección precoz, vixilancia e control da Covid-19 en virtude do cal aquelas persoas que xa estean inmunizadas non terán que facer corentena no caso de descubrir que estiveron en contacto cun positivo.

Se son consideradas contacto estreito, si deberán facer unha PCR cando o saiban e outra sete días despois.

Nestes casos é recomendábel evitar o contacto con xente que teña algún factor de risco e, malia evitar o fechamento na casa, terán que levar a máscara en todo momento e non acudir a grandes eventos.

Outra das novidades deste documento de pautas de actuación vai ligada aos cribados e indica que só se deben realizar estas probas en determinadas situacións nas que haxa unha alta transmisión nas áreas xeográficas a estudar. Aliás, convocaranse "sempre baixo a recomendación das autoridades de Saúde Pública".

Varios grupos ao tempo

Por outra parte, na mesa de traballo tamén saíu adiante o solapamento de distintos grupos de idade para recibir as vacinas fronte ao coronavirus.

Segundo un comunicado do Ministerio de Sanidade a actualización contempla que, "tendo en conta a maior dispoñibilidade de vacinas, a situación epidemiolóxica e a entrada no período estival poderase ir solapando a captación de diferentes grupos, mantendo a orde de idade descendente, por cuestións organizativas".

Outro dos puntos que actualiza é a vacinación en embarazadas e mulleres en período de lactación, que se realizará con vacinas de ARNm cando lles corresponda segundo o grupo de priorización ao que pertenzan e en calquera momento do embarazo.