As nove persoas acusadas pola "toma" da Casa Cornide irán a xuízo o 14 de outubro

Acción pola restitución ao público da propiedade dos Franco na Coruña.
As nove persoas que o 26 de setembro de 2017 "tomaron" simbolicamente, na Coruña, a varanda da Casa Cornide, propiedade da familia Franco, para reivindicar a súa devolución ao patrimonio público, están chamadas a comparecer o 14 de outubro nun xulgado da mesma cidade por un posíbel delito leve de coaccións

O procedemento xudicial contra os e as activistas e militantes do BNG deriva da denuncia que interpuxeron os Franco por aquela acción, que para a representación da descendencia do ditador incorreu en delitos de odio e contra a honra, vulneración de morada e desobediencia contra a autoridade.

Por eles, pedía para cada unha das persoas denunciadas até nove anos de cadea e 24.000 euros

Porén, a citación fala unicamente dun delito leve de coaccións, castigado con penas de multa, despois de que a Audiencia da Coruña desestimase un recurso da parte denunciante e rexeitase a existencia de delitos de odio ou de violación de morada. 

"Que Estado, que Goberno pode permitir a persecución de activistas e loitadores pola democracia na Galiza, mentres a familia dun ditador que deixou miles de mortos no noso país campa impunemente e gozando do patrimonio espoliado", criticou onte, tras coñecerse a data do xuízo, Elvira Branco, unha das denunciadas, reivindicando que se tratou dunha acción "simbólica e pacífica".

Como no caso Meirás

A activista, nunha comunicación remitida polo colectivo 19 de Meirás –en alusión ás 19 persoas que un mes antes, o 30 de agosto daquel ano, protagonizaron un acto similar no pazo de Meirás, tamén propiedade dos Franco naquel momento, e foron imputadas por el– urxiu a restitución ao patrimonio público galego da Casa Cornide –que a familia propietaria ten á venda– e "da mesma maneira que ocorre con Meirás, rescatar do espolio" o inmóbel.

"Unha exixencia democrática e unha maneira de dignificar e facer xustiza á totalidade das vítimas do franquismo", entende o colectivo.

O pasado día 2, outro xulgado coruñés, o de primeira instancia número 1, concluíu que esta outra propiedade, situada en Sada, debe ser devolta ao Goberno estatal sen compensación ningunha aos Franco.