Denuncian que na franxa de 66 a 69 anos estase a vacinar con AstraZeneca ou Moderna e non coa Pfizer que prometera Feixoo

Imaxe de arquivo dunha vacinación (Foto: Europa Press)

Indignación e malestar entre persoas nesta franxa de idade convocadas a recibir a primeira dose da vacina contra a Covid ao comprobar que non se lles subministraba o vial que anunciara o presidente da Xunta.

Esta terza feira, 4 de maio, o presidente galego, Núñez Feixoo, ratificaba que os galegos de entre 66 e 69 anos que sexan citados para vacinarse contra a Covid-19 recibirán Pfizer. En concreto, o  Servizo  Galego de  Saúde aspira vacinar o 70% da poboación desta franxa de idade entre hoxe e o sábado cunhas 90.000 citas previstas.

Despois de recibir a súa primeira dose de  AstraZeneca, Feixoo explicou que o cambio na decisión de que o colectivo de 66 a 69 reciba  Pfizer débese a que así o considerou a comisión de vacinación do Consello Interterritorial da Saúde. "Considerou que non podiamos esperar a  AstraZeneca, que xa tiñamos Pfizer e que, por tanto, o mellor era nesa franxa de idade meter  Pfizer e non baixar de 59 cara abaixo, que era o que estaba previsto", explicou.

"Houbo ese cambio e creo que o mellor é facer as cousas de común acordo, aínda que se pode discutir se é razoable ou non", recalcou Feijóo, tendo en conta que a Xunta defendera o uso de  AstraZeneca para o colectivo en cuestión.

Mais persoas de entre 66 e 69 anos de idade que están a acudir a se vacinar non están a recibir a Pfizer, tal e como prometerá o presidente, senón que se lles está a inxectar a primeira doce de AstraZeneca. Así o confirmaron a Nós Diario varias persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que salientaron a indignación e malestar que se xerou en moitas persoas ao comprobar que o vial non era a prometida Pfeizer.

A isto engádese persoas da mesma franxa de idade que afirman que na área sanitaria de Vigo estase a poñer Moderna, tampouco a Pfizer. 

Apuntan que o persoal sanitario, ao ser preguntado por este cambio, limitouse a sinalar que sobraban moitas vacinas de AstraZeneca e que tiñan orde de subministralas.

Este medio púxose en contacto co Sergas, estando á espera dunha resposta.

Vacinas

Todos os expertos e comunidade científica inciden na importancia de se vacinar e defenden a seguridade de todas as vacinas avaladas pola EMA. A Axencia Europea do Medicamento (EMA) recomendou "seguir administrando" a vacina da Covid de AstraZeneca na UE, tras ser suspendida por varios países europeos por problemas de coagulación diagnosticados tras a inoculación. "Os beneficios seguen  a superar os riscos", dixera entón.