Sanidade pública

Persoal sanitario mobilízase en defensa do sistema público

Concentración en defensa da Atención Primaria en Outes. (Foto: Nós Diario)
Traballadoras e traballadores da Atención Primaria e Hospitalaria da Galiza protagonizaron unha nova xornada de paro, protestas e reivindicacións.

Persoal sanitario e pacientes mobilizáronse esta cuarta feira con motivo do Día Mundial da Atención Primaria. Centros de saúde da Coruña, Cambados, Cangas, Outes, Vilagarcía e Compostela, entre outras localidades da Galiza, pararon uns minutos contra o mediodía para reivindicar o dereito da poboación "a gozar do máis alto nivel de saúde", o que exixe facer da Atención Primaria "a pedra angular do sistema de saúde".

Atención Primaria

Na Galiza, denunciou a Plataforma SOS Sanidade Pública, "resulta evidente que tras baixar o orzamento a menos da metade do que indica a OMS non é posíbel cubrir os servizos mínimos nos centros de saúde, nin ter persoal nin medios suficientes, alargando cada vez máis as listas de espera". É por iso que insiste nas demandas que a cidadanía secundou na manifestación masiva do pasado 12 de febreiro, que urxen o fortalecemento e transformación do sistema galego de saúde.

"As únicas medidas adoptadas pola Xunta até o de agora foron meros retoques para maquillar a realidade e non resolven os problemas de falta de persoal, baixo financiamento e feches de centros de saúde e PAC".

Perder a Atención Primaria suporía un desastre de consecuencias incalculábeis para a saúde das persoas, o sistema público e o persoal sanitario

SOS Sanidade Pública reclama organizar os servizos de saúde de maneira integrada, dar capacidade de decisión á poboación e negociar os cambios necesarios entre autoridades, persoal sanitario e sociedade civil. Perder a Atención Primaria "suporía un desastre de consecuencias incalculábeis para a saúde das persoas, o sistema público e o persoal sanitario", advertiu.

Faltan pediatras

Pola súa parte, o Foro Estatal de Atención Primaria tamén avisou esta cuarta feira do "risco" que supón a falta de pediatras na maioría de territorios. En 2021, 38% dos especialistas tiñan unha cota de máis de 1.250 crianzas cando non deberan superar o millar. O modelo actual corre perigo, destacou. "A maioría dos nenos non son atendidos por pediatras", e na Galiza, 1 de cada 3 vaise xubilar nos próximos anos.

Medicina Interna

A xunta de persoal da área sanitaria de Santiago e o Barbanza concentrouse diante do hospital clínico para protestar pola falta de transparencia da Xerencia antes e despois de "obrigar" a facultativos de Medicina Interna, Pneumoloxía, Reuma, Endocrinoloxía e Oncoloxía entre outros servizos a facer gardas de Medicina Interna no Barbanza tras ver reducido á metade o seu cadro de persoal. "Non informaron en tempo en forma das novas condicións de traballo nin ofreceron facilidades ás profesionais afectadas para cumprilas", censuran.

Segundo explicou a Nós Diario o presidente da xunta de persoal, Xosé Manuel Marcote, a situación no servizo de Medicina Interna tanto no hospital Clínico como no hospital de Ribeira é "igual ou peor" que hai un ano. "Diría que é incluso peor que aquela que levou a dimitir ao anterior xefe de servizo, xa que non existe ningunha planificación por parte da Xerencia para dar solución á falta de internistas que se denunciou entón e que continúa agora, cunha mingua importante da a calidade asistencial". Nunha semana volveranse mobilizar no hospital do Barbanza.

Folga

A segunda xornada de folga indefinida do persoal médico convocada por CESM contou, segundo o Sergas, cun seguimento de 15,75%, superior ao da xornada inicial que ocasionou á anulación de 72 operacións cirúrxicas, 56,3% da media habitual; o aprazamento de 216 consultas externas (24,9%) e 66 pruebas (8,7%) durante a tarde.