Persoal sanitario fai notorio o rexeitamento ao Bono Turístico da Xunta

Protesta de Enfermeiras en loita contra a precariedade laboral. (Europa Press)
Persoal sanitario de distintos colectivos como o de Enfermeiras eventuais en loita está a deixar patente o seu rexeitamento ao Bono Turístico dirixido ao sector sanitario e sociosanitario que a Xunta habilitou, tras anuncialo a poucas semanas das eleccións do 12-X.

O bono supón para as persoas beneficiarias que se acollan a el a disposición de 250 euros para empregar durante este ano en estabelecementos turísticos adheridos ao programa.

"Parécenos pura demagoxia o destino deses 250 euros por persoa, que se poderían empregar en mellorar as contratacións de persoal e os sistemas de protección, que é o que axuda a unha boa sanidade" resume Hugo Bermúdez Rilo, membro de Enfermeiras Eventuais en Loita que traballa no complexo hospitalario da Coruña.

Como expón, este colectivo xa se pronunciou noutras ocasións contra a esta medida, que tamén foi contestada desde distintos sectores do ámbito sanitario por considerala "populista" ou unha "esmola". Diversas profesionais queren agora rexeitar de forma pública e individual o bono, ante a imposibilidade de facer unha acción máis notoria "como unha doazón dos cartos a algún colectivo" dada a natureza do pago, que se realiza a través dunha tarxeta prepagamento nominativa a empregar unicamente en hoteis e restaurantes  do programa, e que se publicitou, tras as críticas, como un revulsivo para o sector fronte os efectos da pandemia.

"Nas nosas reivindicacións nunca falamos de cartos, si da mellora das condicións laborais das compañeiras, sobre todo da estabilidade. Nun dos territorios con peores ratios de enfermeira por paciente dentro dun dos estados con peor ratio de toda Europa, parece demagóxico premiar con 250 euros unha situación de tanto estrés e de tanto traballo", sinala Bermúdez.

O profesional tamén chama á Administración sanitaria galega a "non repetir erros" agora que os casos de coronavirus volven medrar. "A inacción completa, a falta de información nos hospitais, as rotacións enorme do persoal, que pasa por servizos sensíbeis un día e está noutras áreas ao seguinte", enumera, para alertar da escaseza de guantes ou batas. "Melloraron os protocolos pero falta o material e sobre todo o persoal para poder levalos a cabo, debiamos ter aprendido algo", alerta.